TURISMO

A praza de Mazarelos acollerá múltiples actividades para celebrar as festas de San Xoán

16/06/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou a segunda edición do programa festivo de Turismo de Santiago para potenciar o atractivo turístico da noite de San Xoán na cidade.

O obxectivo deste programa é aproveitar a gran tradición que teñen as festas de San Xoán na cidade, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e así potenciar o seu atractivo turístico, tanto para o mercado doméstico coma internacional.

O evento arrancará a tarde do xoves 22, completando a programación que artellarán para o Día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións da cidade, enriquecéndoa con accións que se prolongarán ata o sábado 24 para festexar a chegada dos días máis longos do ano.

A praza de Mazarelos será o punto central do evento. Na praza instalarase un mercado tradicional, unha área gastronómica para gozar dos produtos típicos desta arraigada festa, concertos e clases de baile tradicional, un espazo palleiro para os máis cativos e actividades e obradoiros interxeracionais para a posta en valor dos ritos e tradicións de San Xoán.

Ademais, na tarde e na noite do 23, o tren turístico circulará de balde para fomentar a mobilidade, tanto da veciñanza de Santiago como de turistas e visitantes, que así poderán transitar a diferentes cacharelas da cidade. O tren turístico sairá ás horas en punto dende o CGAC con paradas na avenida de Castelao, Burgo das Nacións, Carballeira de San Lourenzo e avenida de Xoán Carlos I.

Este ano farase tamén un acto, en colaboración do Concello de Boqueixón e a Asociación do "Castro da Fervenza de Callobre", do Concello de A Estrada, para recuperar o sentido da celebración pagá do solsticio de verán coa obtención do lume por medios naturais no Pico Sacro. O facho co lume sagrado do Pico Sacro ficará dende o xoves 22 en Mazarelos a disposición daqueles que queiran prender con el as súas fogueiras de San Xoán.

O evento rematará na noite do sábado 24 cun obradoiro de elaboración de queimada, un concerto de música tradicional e, finalmente, un conxuro con degustación de Queimada. O programa completo pode consultarse na páxina web de Turismo de Santiago.

Rematado o prazo de solicitude de cacharelas
Coincidindo coa presentación da programación do San Xoán, este venres, ás 14:00 horas, rematou o prazo de solicitude de cacharelas en terreos públicos e de comunicación de cacharelas/sardiñadas en terreos privados.

Documentos relacionados



Compartir: