DEPORTE

Salgueiriños acolle a XI edición de XiraKarting, que achegará o mundo do motor ao público familiar

09/06/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá a undécima edición de XiraKarting Galicia, que se celebra do 9 ao 11 de xuño nun circuíto instalado en Salgueiriños. Na rolda estivo acompañada por Raquel González, directora de RGM Eventos; Antonio Cortés, director de Marketing de Gadisa, e Ernesto Vázquez, da Federación Galega de Automobilismo.

A actividade é pioneira do karting en Galicia e achégase a Compostela tras o seu paso por Lugo e Ourense. XiraKarting recalará con posterioridade en Ferrol, A Coruña e Vigo. Un ano máis colabórase coa Federación Galega de Automobilismo, incluíndose en varias probas puntuables para a Rookies Cup, unha competición dirixida a nenos e nenas de 4 a 7 anos que persegue achegar esta afección aos máis pequenas e pequenos e xerar canteira de pilotos en Galicia. Para achegar a posibilidade de practicar este deporte a todos os pequenos, RGM Eventos pon en marcha a Beca Piloto XiraKarting coa que se premiará á nena ou neno co mellor resultado nas probas de acceso.

Noa Morales destacou que "esta proba permite ofrecer un evento deportivo dunha disciplina diferente en Compostela que nos permitirá queimar adrenalina ao volante dun kart. Ademais, engadiu a concelleira, "trátase dun deporte que conta con moitos seguidores en Santiago". Pola súa banda, Raquel González apuntou que "XiraKarting chega para dinamizar e potenciar o mundo do motor achegándoo a toda a familia".

Rookies Cup
Polo décimo aniversario recuperábase a esencia da competición. A posible canteira de novos pilotos da Federación Galega percorrerá XiraKarting por segundo ano consecutivo. Poderán participar os nenos e nenas de 4 a 7 anos de forma gratuíta, grazas á Beca XiraKarting.

As tarifas para participar neste evento de fin de semana sitúanse nos 15 euros para as persoas adultas e 10 euros para neno ou nena. Ademais, haberá invitacións grazas ao patrocinador Gadisa, no Facebook do evento, e descontos a través do Carné Xove e Fórmula Enxira.

Compartir: