ALCALDÍA

O Goberno convocará esta semana a mesa de contratación do servizo da ORA e do guindastre

30/05/2017 O alcalde informou hoxe da convocatoria, nesta mesma semana, da mesa de contratación que debe resolver a adxudicación do servizo da ORA e do guindastre, anulado por sentenza xudicial en novembro de 2015. Martiño Noriega explicou que ese é o paso necesario despois de que onte mesmo se recibira no Concello outra sentenza que admite o recurso presentado por Doal, a empresa que quedara como segunda clasificada por detrás de Setex no proceso culminado a finais de 2011.

A sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 ordena "a retroacción de actuacións para que polo Concello de Santiago, previa a tramitación que corresponda, debidamente razoada e fundamentada, acordando a adxudicación do contrato a favor de DOAL S.A". Se esa adxudicación non fora posible, sinala a sentenza, deberase xustificar esa circunstancia.

Non haberá indemnización
A sentenza tamén recoñece que non procede recoñecer ningunha indemnización á empresa Doal, porque non concorre ningunha causa que imposibilite que lle sexa adxudicado o servizo.

O alcalde lembrou que esta foi a posición que sempre mantivo o Goberno, "que actuou en todo momento con seguridade xurídica para non poñer en perigo o patrimonio municipal". Martiño Noriega explicou que a sentenza que se vén de notificar ao Concello "recoñece que Doal ten dereitos sobre un proceso culminado en 2011, cun acordo dunha mesa de contratación que foi anulado xudicialmente".

En canto á posibilidade de que se presente recurso, o rexedor explicou que "esa decisión non ten relevancia, porque a sentenza é de obrigado cumprimento e a mesa de contratación é preciso convocala igualmente".

O alcalde tamén incidiu en que "a tramitación do proceso da municipalización continuará, porque queda por ver que Doal estea en condicións e queira prestar o servizo baixo as condicións de 2011". Nese sentido, Martiño Noriega salientou que a empresa "presentou o recurso en xaneiro de 2017, sobre un sentenza que se coñeceu a finais de 2015, e aspirando principalmente ao cobro dunha indemnización"

Compartir: