EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música celebra o seu Festival de Música e Movemento

29/05/2017 Os días 30 e 31 de maio, ás 18:30 horas, o Auditorio Abanca acollerá o Festival de Música e Movemento que tradicionalmente organiza o departamento desta área da Escola Municipal de Música. O evento servirá para dar a coñecer o traballo desenvolvido ao longo do curso por máis de 185 alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos, acompañados do profesorado da EMM e das súas familias.

Baixo o título "Na EMM somos: Xabarín Club!, o espectáculo incluirá 12 pezas musicais, a través das que se recordará o emblemático programa da Televisión de Galicia, enlazando así con aquel espazo no que se daban cita os debuxos animados e as cancións en lingua galega. O evento desenvolverase en dúas sesións, os días 30 e 31, e o alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, asistirán á segunda delas.

A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 441 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos; 19 profesores e profesoras que imparten 18 especialidades instrumentais, entre as que salientan, pola súa demanda: 43 alumnos/as de violín, 36 de piano, 21 de clarinete, 20 de percusión e 15 de saxofón. Ademais, a EMM conta con agrupacións musicais nas que se integra o alumnado da Escola: Orquestra de Corda, Orquestra de Iniciación para os máis pequenos, Banda e Banda de Iniciación, Agrupación Tradicional, Agrupación de Música Moderna, Coro Infantil e Coro Xuvenil e de adultos.

Compartir: