EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Publicadas as listaxes de admitidos e de agarda nas escolas infantís municipais e nos seus obradoiros de verán

29/05/2017 Despois da súa aprobación pola Xunta de Goberno, a Concellaría de Educación e Cidadanía vén de publicar as listaxes definitivas de admitidos, excluídos e listas de agarda nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2017-2018.

Entre o día 1 e o 15 de xuño, as familias con nenos e nenas que teñan adxudicada unha praza para este curso escolar 2017-2018 deberán achegarse á escola infantil correspondente para proceder á formalización da matrícula. Na escola contarán con toda a información e asesoramento relativo ao seu funcionamento, poderán visitar as instalacións e recoller os impresos necesarios para a formalización da matrícula.

No caso de que algunha familia desista da praza obtida, poderá formalizar a renuncia na propia escola, o que facilitará que moitas familias en lista de agarda podan acceder ás prazas vacantes.

Obradoiros nas escolas infantís
Por outra parte, tamén veñen de publicarse as listaxes de admitidos e de agarda nos Obradoiros de Verán 2017 nestas tres escolas municipais. Aos efectos de formalizar a admisión e polo tanto, reservar a praza solicitada, establecese un prazo de 10 días (do 29 de maio ao 7 de xuño, ambos os dous incluídos) para formalizar a matrícula e realizar o pago da primeira mensualidade directamente nas escolas infantís municipais na que está admitido. Unha vez finalizado o prazo establecido, as prazas vacantes serán cubertas por rigorosa orde da listaxe de agarda.

Compartir: