EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O XII Certame de Danza Intercentros puxo en escena 17 coreografías no Auditorio de Galicia

28/05/2017 O Auditorio de Galicia acolleu o XII Certame de Danza Intercentros, Compostela en danza, no que participaron 175 escolares de Infantil, Primaria e Secundaria dos CEIPs Pío XII, López Ferreiro, Arquitecto Casas Novoa e Mestre Rodríguez Xixirei, do Colexio San Xosé de Cluny e do IES Rosalía de Castro. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, non se quixo perder a cita e dirixiu unhas palabras ao público asistente.

Compostela en danza permite a representación diante do público do traballo realizado ao longo do curso escolar nestes centros arredor dunha disciplina que resulta moi beneficiosa para a educación integral de quen a practica. Así, nas clases de danza trabállase a musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección postural, a memoria, a sociabilización, a superación da timidez, a relaxación, a confianza ou a autoestima.

As profesoras Beatriz Viñal, Marta Alonso, Mercedes Martínez, Silvia Miramontes, Paula Quintas e Sandra Valiñas, e o profesor Javier Magariños encárganse de impartir estas clases ao longo do curso. Segundo o centro escolar, impártense diferentes tipos de danza: pre-danza, clásica, moderna, Bollywood, moderno-teatral, jazz, neoclásica... Todas estas modalidades estiveron representadas no espectáculo deste domingo, cun público que participou masivamente, aplaudindo as 17 coreografías representadas.

Direccións relacionadas



Compartir: