EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Departamento de Educación participou en Pontevedra no Encontro da Rede de Cidades dos Nenos e Nenas do Proxecto Tonucci

27/05/2017 A recuperación do espazo público é un dereito dos cidadáns beneficioso para todos os integrantes das cidades e irreversible. Esa é a principal concusión do Encontro da Rede Española de Cidades dos Nenos e Nenas do Proxecto Tonucci, que se celebrou en Pontevedra e en cuxo plenario e comisións de traballo participou a Concellaría de Educación e Cidadanía, que forma parte desta Rede. Máis de 50 concellos de toda España participaron neste Encontro. A reunión anual de 2018 celebrarase en Huesca.

O programa deste Encontro incluíu tres seminarios para desenvolver, contrastar e debater os traballos realizados nos diferentes concellos e entidades: o de planificación compartida, xogo e espazo público; o do consello dos nenos e nenas, e o de autonomía.

No grupo de traballo de planificación compartida subliñouse que a filosofía e o proxecto de Cidades dos Nenos e Nenas que propón Tonucci -deseñar as cidades baixo o paradigma dos nenos e nenas para que sexan válidas para todos- ten que obrigatoriamente estar respaldada por unha aposta política "valente", na que a prioridade sexa a recuperación do espazo público para as persoas. Así, a primeira e máis importante conclusión é que a utilización do espazo polos cidadáns é un dereito que se volve irreversible: unha vez que unha área se restrinxe aos vehículos, todos os cidadáns, e particularmente nenos e nenas, benefícianse.

Outra das conclusións asumida por todas as entidades presentes é que é posible recuperar o espazo público en todas as cidades, independentemente do seu tamaño: pequenas vilas ou grandes núcleos, sempre adaptando as fórmulas ás singularidades de cada lugar. Por outra parte, no caso de vilas nas que o modelo xa está implantado nos núcleos urbanos, a aposta é trasladalo tamén ás zonas do rural. Finalmente, outra das conclusións é que é fundamental á hora de redeseñar os espazos contar coa participación da cidadanía -con nenos e nenas como cidadáns con pleno dereito- en cada un dos proxectos, e que é preciso xerar espazos de uso compartido e non segregado para a convivencia.

Consello e autonomía
No seminario do consello dos nenos e nenas, a principal conclusión é que debe ser unha ferramenta para o alcalde de cada municipio co fin de transformar a cidade, xa que o proxecto Cidade dos Nenos e Nenas debe aplicarse dende todas as áreas de goberno, non só o urbanismo, senón tamén a educación, a xuventude, a promoción económica... En canto ao formato, a principal aposta é implicar á comunidade educativa para que, preferentemente, en modo sorteo, escolla aos escolares que forman parte do consello que realizará propostas ao goberno local e decidir a periodicidade necesaria das reunións en función do tamaño de cada concello.

Finalmente, no seminario de autonomía, formuláronse as dificultades para que pais e nais perdan os medos sobre o desenvolvemento de nenos e nenas no seu contorno. Por este motivo a principal conclusión foi a necesidade de actuar recuperando o espazo público de forma contundente, tendo en conta a participación -con catro eixos: administracións, familias, escolas e comunidades- e a sensibilización.

Compartir: