LINGUA

O Teatro Principal de Ourense acolle este venres o acto de Entrega de Premios de Youtubeir@s

24/05/2017 O Teatro Principal de Ourense acolle este venres, a partir das 20:00 horas, a gala de entrega dos Premios Youtubeir@s. Este concurso de vídeos na rede é unha iniciativa dos servizos de Normalización Lingüística de once concellos galegos, entre eles o de Santiago, e das tres universidades.

A gala será presentada pola actriz e cómica Iria Pinheiro, e contará coa participación de Iñaki Quenerapú, co monólogo "E non te esquezas da miniatura!". O acto está pensado como un grande espectáculo, no que tamén se poderá ver unha mestura en directo de todos os vídeos participantes no concurso, da man da vídeo-DJ Marta Verde.

O concurso Youtubeir@s entregará dous premios en dúas categorías: video-facermos e vídeo-opinarmos. Os gañadores recibirán un trofeo e un premo de mil euros. Entre os vídeos que optan a este galardón figura o dunhas mulleres de San Sadurniño que explican como plantar cacahuetes e opinan sobre a praga que está afectando ás patacas; unha moza de Ribeira que explica como facer un guiso Anti-San Valentín, o dun rapaz de Santiago que mostra como facer un vídeo ou o dunha rapaza de Ourense que reflexiona sobre o galego Todos os vídeos finalistas pódense ver na canle de Youtubeir@s. Entre os máis de 200 vídeos participantes premiaranse os que destaquen polo seu enxeño e creatividade, pola súa eficiencia comunicativa, pola súa calidade técnica e a súa calidade lingüística.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Toda a información sobre o Concurso en www.youtubeiras.gal.

Compartir: