TURISMO

Santiago acolle este sábado un novo desfile das tropas imperiais de Star Wars

24/05/2017 Máis de 250 persoas caracterizadas como personaxes de Star Wars, a súa maior parte como soldados imperiais, desfilarán este sábado pola tarde polo Casco Histórico de Santiago. Será o terceiro desfile organizado en Santiago pola Tropa Korriban, a asociación de afeccionados de Star Wars de Galicia.

Estímase que nesta ocasión se superarán os 20.000 asistentes como público que viron cada un dos desfiles anteriores, xa que por primeira vez coincide coas festas da Ascensión. Neste terceiro desfile celebrarase o 40º aniversario da estrea da primeira película da saga Star Wars, que se proxectou por primeira vez en 1977 e coa que George Lucas comezou a crear un universo con millóns de seguidores en todo o mundo.

Para esta conmemoración, a Tropa Korriban convocou a asociacións e fans de Star Wars de toda España, así como ao público en xeral, que participarán con caracterizacións dos distintos personaxes da saga de películas e o seu universo expandido. O evento incluirá unha homenaxe á actriz Carrie Fisher, que encarnou á Princesa Leia.

As persoas que participarán disfrazadas no desfile teñen que estar no Colexio A Salle o sábado entre as 16:00 e as 16:30 horas para coñecer a súa ubicación exacta na comitiva. Está previsto que o desfile comece ás 17:30 e remate ás 19:30 horas. O desfile partirá do patio do Colexio A Salle e pasará pola Porta do Camiño, Casas Reais, rúa Travesa, praza de Mazarelos, rúa das Orfas, praza do Toural, rúa do Vilar e rúa de Fonseca, para rematar na praza do Obradoiro.

No desfile participará Paul Blake, actor británico que fixo o papel de Greedo na primeira película da serie. Paul Blake asinará autógrafos na praza do Obradoiro ao remate do desfile, polo que calquera afeccionado a Star Wars poderá contar cun documento manuscrito asinado por un actor participante na primeira película da serie, que supuxo un punto de inflexión na historia do cine de ciencia ficción. A recadación que se consiga doarase á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

Todos os medios interesados en cubrir o evento poden pedir unha acreditación no correo tropakorriban@gmail.com.

Direcciones relacionadas



Compartir: