FESTAS

A feira cabalar e os concertos de Myles Sanko e Eladio y los Seres queridos protagonizan o xoves de Ascensión

24/05/2017 O Mercado Nacional de Gando de Santiago (Amio) acolle no día da Ascensión a tradicional feira cabalar, pola que en 2016 pasaron arredor de 20.000 persoas. Ás 10:00 horas é a apertura de inscricións nos concursos morfolóxicos puntuables para a Copa Galicia de Pura raza Galega 2017 e nos concursos de cabalos e eguas cruzados e percheróns. A esta cita acudirá o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Os concursos celebraranse dende as 10:30 e ata ás 13:00 horas, cando terá lugar a entrega de premios e trofeos ás ganderías gañadoras e do Gran Premio Dragóns de Santiago, que recaerá na egua ou no cabalo de pura raza que obteña maior puntuación nos concursos morfolóxicos. A partir das 13:10 horas terá lugar o grande espectáculo ecuestre ofrecido polo Club de Volteo de Burgos e a compañía Hnos. Borjas, coa participación especial da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Cómpre lembrar que a entrada á feira cabalar é libre e de balde.

Está confirmada la participación de ganderías procedentes dos concellos de Villagarcía de Arousa, Ferrol, Arzúa, Mosteiro, Santa Comba, Narón, Oza-Cesuras, A Estrada, Boqueixón, O Pino, Vilarmaior, Noia, Porto do Son, Padrón, Teo, Brión, Vedra, Touro, Val do Dubra, Dumbría, Carballo, Serra de Outes e Silleda. Disputaranse 1.360 euros repartidos en 15 premios que irán acompañados de trofeo e escarapela.

Compostela Decide
As rúas de Santiago son as grandes protagonistas das festas da Ascensión dende as 18:00 ás 20:00 horas nas prazas de Santo Agostiño, Toural, Obradoiro, Cervantes e Acibechería. Alí actuarán Ultreia, Brincadeira, Colexiata do Sar e Cantigas e Agarimos.

A praza do Toural será o punto neurálxico das actuacións dos grupos locais nestas festas da Ascensión, dentro das actividades programadas grazas ao proceso Compostela Decide de Orzamentos Participativos. Ás 18:00 horas haberá un obradoiro de comidas do mundo a cargo de Trópico de Grelos, que ofrecerán a partir das 19:30 h un concerto na propia praza. A partir das 21.00 horas será a vez de Brinkadelia.

Ademais, o Teatro Principal acolle a partir das 20:30 horas Voaxa e Carmín, obra de teatro dirixida por Xavier Castiñeira, con texto de Esther F. Carrodeguas sobre a vida e Maruxa e Coralia.

Myles Sanko
A praza da Quintana acolle a partir das 21:30 horas os concertos de Myles Sanko e Eladio y los Seres Queridos. Myles Sanko é cantante de soul e compositor británico, fillo de nai ghanesa e pai francés. É o embaixador do novo soul europeo. Os seus temas combinan o soul-jazz melódico e o acid-jazz, pasando por temas de ritmos bailables. Coñecido como "The lovechild of soul music", empezou a súa carreira cantando e rapeando con DJ’s de Cambridge, a súa cidade natal. Formou parte de grupos funk como Bijoumiyo e Speedometer.

En 2014 publicou o seu segundo disco, Forever dreaming, co apoio dos seus seguidores. A gravación financiouse grazas a plataforma de crowdfunding Pledge Music. A voz de Myles Sanko, as letras das súas cancións e o seu estilo moderno e fresco valéronlle moitos eloxios e un bo número de seguidores.

Eladio y los Seres Queridos
É unha banda de indie pop español, xurdida arredor do compositor Eladio Santos. Actualmente está formada polo propio Eladio (voz e guitarra), David Outomuro (batería), Óscar Durán "Uka" ao baixo e Marcos Vázquez no piano e sintetizadores.

O grupo formouse en 2005, cando comezaron a súa andadura musical ata que en 2007 sacaron o seu primeiro disco "Esto que Tienes Delante". É a partir de 2009 cando comezan unha intensa xira por todo o Estado e sacan o seu segundo traballo, que presentarán durante 2011, 2012 e 2013 en varias cidades e festivais como Primavera Sound, Ebrovisión, Sonorama, Portamérica, Monkey Week… En 2014 gravan o seu terceiro LP, que leva por nome Orden invisible e representa un paso máis cara a un son propio e con personalidade.

A programación do día grande da Ascensión non acaba aquí. A Alameda tamén é un punto de moita música grazas a actuación da orquestra Metrópolis, a partir das 22:30 horas.

Compartir: