FESTAS

Arrancan as festas da Ascensión coa comparsa de cabezudos e a música na Quintana, Alameda e Toural

23/05/2017 Este mércores 24 de maio arrancan as festas máis picheleiras. Comezan cinco días de festexos da Ascensión 2017, co disparo de bombas anunciando o inicio ás 12:00 horas e a comparsa de cabezudos polas rúas de Santiago media hora despois.

A festa continuará ás 21:00 horas co concerto de Los40 Trending on Stage, que reunirá no escenario da praza da Quintana, con entrada libre, a Miss Caffeina, Shinova, Luis Brea y El Miedo e Druso. Os artistas que participarán nesta cita da Ascensión son novos valores que están impulsando a súa carreira a través de Internet, e que se converteron xa en virais na rede. O concerto abrirase ás 21:00 horas con Druso, un cantante, compositor e multiinstrumentista galego, que é a nova aposta de Subterfuge Records, responsable do éxito de Dover.

A continuación tocarán Luis Brea y El Miedo, unha das sorpresas do indie estatal. En canto a Shinova, xa son toda unha referencia no panorama musical e teñen unha gran vinculación con Galicia, que se pode ver a través dos temas do seu último traballo. O concerto de Los40 é con entrada libre ata completar aforo, e estará conducido polo xornalista musical Arturo Paniagua.

Grupos locais no Toural
A praza do Toural será un fervedoiro de música a partir das 23:00 horas co primeiro primeiro dos concertos do Compostela É! Música, que nos achega a Carla Green & The Demons. Este ciclo é un pequeno paso para a normalización do sector da música en Compostela. Concretamente, estes concertos serán un espectáculo enérxico e moi divertido, que sorprenderá indo máis alá do agardado dunha banda de soul.

Orquestras na Alameda
A Alameda compostelá é o terceiro dos escenarios musicais destas festas, coa actuación dunha orquestra cada día no seu paseo central. Mañá mércores é a vez da orquestra coruñesa Cinema, composta por 12 profesionais da música.

Compartir: