MOCIDADE E FESTAS

Dúas propostas dos orzamentos participativos da área de Mocidade, no programa da Ascensión

23/05/2017 A concelleira de Mocidade presentou hoxe dúas das propostas incluídas na programación da Ascensión, saídas dos orzamentos participativos na área de mocidade. Trátase do Festival de Músicas do Mundo, que se celebrará o xoves 25 na praza do Toural, e do Cancelas Fest, previsto para o venres día 26 no barrio das Cancelas. Noa Morales salientou que "nas festas máis picheleiras ten todo o sentido que sexan os propios composteláns e compostelás os que decidan que programación queren".

O xoves 25, día grande da Ascensión, celebrarase unha das propostas do Compostela Decide na área de Mocidade. Será "un festival das culturas do mundo", que se celebrará na praza do Toural a partir das seis da tarde. A xornada arrancará cun obradoiro con Trópico de Grelos, unha asociación cultural xa moi coñecida en Santiago, resultado do traballo dun conxunto de persoas amantes da percusión afrobrasileira. Tamén haberá unha degustación de comidas do mundo, e a festa rematará coa actuación de Brinkadela Troupe a partir das 21:30 horas.

Cancelas Fest
En canto ao Cancelas Fest, celebrarase o venres 26, a partir das seis da tarde no auditorio ao aire libre das Cancelas. A concelleira de Mocidade explicou que esta proposta foi presentada no proceso de orzamentos participativos por un veciño do barrio "que botaba en falta máis presenza dos grupos locais na programación cultural da cidade".

O grupo que pechará o festival será Mojo Experience. O seu cantante, Diego Negro, participou na rolda de prensa de presentación da iniciativa para "agradecer estas oportunidades que se lle dan aos músicos de Compostela, que teñen poucas ocasións de tocar na súa propia cidade".

Ademais de Mojo Experience, no Cancelas Fest tocarán os grupos Grima, Catro Ghatos e Inmates.

Direcciones relacionadas



Compartir: