EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Certame de Danza Intercentros leva un ano máis a escena o traballo escolar nesta disciplina

23/05/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou, acompañado da profesora de danza Beatriz Viñal, o XII Certame de Danza Intercentros, Compostela en danza, que se celebrará o domingo 28 de maio, ás 19:00 horas, na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia. Uns 170 bailaríns e bailarinas dos centros de seis centros de ensino participarán nesta edición.

Neste certame de promoción da danza participa alumnado de centros de Infantil, Primaria e Secundaria. Nesta ocasión, os bailaríns e bailarinas proceden dos CEIPs Pío XII, López Ferreiro, Arquitecto Casas Novoa e Mestre Rodríguez Xixirei; do Colexio San Xosé de Cluny e do IES Rosalía de Castro.

Compostela en danza permite a posta de longo ante o público do traballo realizado ao longo do curso nestes centros en torno a unha disciplina que resulta moi beneficiosa. Así, nas clases de danza trabállase a musicalidade, o ritmo, a expresión corporal, a elasticidade, a resistencia, a forza, a axilidade, o control corporal, a coordinación, o equilibrio, a corrección postural, a memoria, a sociabilización, a superación da timidez, a relaxación, a confianza ou a autoestima.

As profesoras Beatriz Viñal, Marta Alonso, Mercedes Martínez, Silvia Miramontes, Paula Quintas e Sandra Valiñas, e o profesor Javier Magariños encárganse destas clases. Segundo o centro escolar, impártense diferentes tipos de danza: pre-danza, clásica, moderna, Bollywood, moderno-teatral, jazz, neoclásica...Todas estas modalidades estarán representadas no espectáculo deste domingo, no que o alumnado representará ata 17 pezas de diferentes duracións.

Documentos relacionados



Compartir: