FESTAS

Catro grupos composteláns, protagonistas das festas da Ascensión 2017

22/05/2017 A primeira tenente de alcalde, María Rozas, presentou este luns os concertos do ciclo Compostela É Música, que se van celebrar na praza do Toural durante a Ascensión. Actuarán Carla Green & The Demons (mércores 24), Cachas & Cousins (venres 26), Roberto Sobrado Grupo (sábado 27) e Gergelyes (domingo 28).

A concelleira explicou que a intención do Goberno local é "que os músicos de Santiago teñan a oportunidade de mostrar o seu talento na nosa cidade". De aí, lembrou, que o Concello colaborara coa Asociación de Músicos ao Vivo no proxecto de elaboración dun censo de músicos e grupos locais. Dese censo, apuntou María Rozas, "son os grupos que van participar nas festas, e que demostran que no panorama musical de Compostela hai moita calidade e moita variedade de estilos, porque no Toural escoitaremos desde soul a folk húngaro, pasando por reggae ou rock". A tenente de alcalde adiantou tamén que a intención do Goberno "é a de darlle protagonismo aos grupos locais novamente nas festas do Apóstolo".

Carla Green & The Demons e Cachas & Cousins
O primeiro dos concertos do Compostela É! Música será o mércores 24, a partir das 23:00 horas, con Carla Green & The Demons. A agrupación estivo representada na rolda de prensa por Fran Sanz, que agradeceu a iniciativa do Concello e mostrou o seu convencemento de que este ciclo "é un pequeno paso para a normalización do sector da música en Compostela". En canto ao concerto da súa formación, adiantou que será "un espectáculo enérxico e moi divertido, que sorprenderá porque vai máis alá do agardado dunha banda de soul". Tamén gabou a figura da cantante, Carla Green, "que ten moito investigado sobre a música negra dos 50 aos 70 e sabe trasladar eses coñecementos mellor que ninguén".

Tamén mostrou a súa satisfacción por poder tocar nas festas da Ascensión Alexander Pérez, do grupo Cachas & Cousins. Segundo dixo, "esta será a primeira vez na que o Concello conte coa formación, que si que vén tocando na cidade grazas a outro tipo de iniciativas". O seu concerto será o venres 26, a partir das 23:00 horas, na praza do Toural.

Roberto Sobrado Grupo e Gergelyes
A seguinte das actuacións do Compostela É! Música será a de Roberto Sobrado Grupo, o sábado 27, tamén ás 23:00 horas. Na rolda de prensa desta mañá, o músico cualificou de "xusto e necesario este tipo de proxectos que lle dan visibilidade a artistas e grupos que están dinamizando a vida cultural da cidade, máis alá das iniciativas institucionais". Roberto Sobrado aproveitará o concerto para adiantar temas do seu próximo traballo, Os proletarios do rock and roll.

Por último, polo escenario do Toural pasará Gergelyes, un grupo que nos traerá as músicas e os bailes dos húngaros csangó, procedentes da rexión de Moldavia. Sergio de la Ossa explicou que a súa actuación "estará centrada fundamentalmente no baile, e ten como obxectivo que o público participe activamente e se anime con algúns pasos".

Todos os concertos do Compostela É! Música serán de balde, ao igual que toda a programación da Ascensión.

Direcciones relacionadas



Compartir: