ALCALDÍA

O alcalde visita o alumnado que participa na quinta edición do "Conto Viaxeiro"

22/05/2017 O alcalde achegouse esta mañá ao CEIP López Ferreiro, onde se desenvolveu unha nova sesión do programa Conto Viaxeiro. Esta iniciativa do Departamento de Lingua, que vai xa pola súa quinta edición, está dirixida ao alumnado de Educación Primaria e ten como obxectivo promover a expresión e a expresividade en galego. Martiño Noriega animou os nenos e nenas a usaren a nosa lingua, e sobre todo a ler moitos contos.

O Conto Viaxeiro leva todo o mes de maio chegando aos colexios de Compostela, para que o alumnado constrúa a historia de xeito colectivo. Desta vez, o protagonista do conto é Miguel, e a temática elixida para a historia ten que ver coa seguridade viaria. Na iniciativa participan o CEIP López Ferreiro, o Colexio Plurilingüe Vilas Alborada, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Monte dos Postes, o Colexio San Paio-Enma e o Colexio San Jorge.

O Conto Viaxeiro pretende promover a expresión e a expresividade en galego, ao tempo que achega aos escolares á literatura oral escrita e estimula a súa creatividade artística. Cada grupo-aula inscrito no programa participa nunha sesión de elaboración dun conto, conducidos por monitores que achegan os contidos e guían a construción do texto. O primeiro grupo inicia a historia, que logo continúa en cada unha das seguintes sesións ata completar a narración. Os nenos e nena tamén se encargan de facer os debuxos para ilustrar a parte sobre a que traballaron, e elixen cal das ilustracións creadas na sesión anterior vai estar no conto definitivo.

No blog contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal vaise dando conta de cada unha das sesións, e pódese acceder tamén aos contos viaxeiros de anos anteriores.

Direcciones relacionadas



Compartir: