POLÍTICAS SOCIAIS

O Goberno local volve destinar 360.000 euros a bolsas de comedor, actividades extraescolares e material escolar

22/05/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou este luns a convocatoria de bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares. A convocatoria para o vindeiro curso 2017/2018 aprobouse na Xunta de Goberno do pasado venres 19 de maio.

Concha Fernández lembrou que "os fins que se perseguen con estas prestacións económicas son contribuír á cobertura das necesidades básicas dos e das menores, fomentar a convivencia e a dinámica relacional cos seus grupos de iguais, participar en condicións de igualdade nos recursos comunitarios e escolares, e favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral". En total, dixo, "destinamos 360.000 euros ás bolsas de comedor escolar, unha cantidade igual ao ano pasado e case o triplo que o orzamentado para o exercicio do 2015".

Bolsas de conciliación
O Concello oferta dous tipos de bolsas: aquelas dirixidas a unidades familiares con escaseza de recursos económicos e que se dividen en bolsas de comedor, actividades extraescolares e material escolar; e outro tipo orientadas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

No caso das bolsas de comedor, concederase un 90% do custo do comedor ata un máximo de 90 euros ao mes. En relación ás bolsas de actividades extraescolares, concederase o 100% do custo da actividade ata un máximo de 30 euros e, finalmente, para material escolar, un máximo de 60 euros nun pagamento único. As bolsas de comedor para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral están formadas por un total de 50 bolsas de 45 euros ao mes cada unha.

Novidades
Como novidade, esta convocatoria pretende reducir ao máximo posible a documentación a presentar polas persoas solicitantes, centrándose basicamente nos impresos de solicitude, autorización para acceder a datos de convivencia e económicos, documentos relativos coa identidade e os relacionados coa reserva de praza nos diferentes centros educativos da cidade, comedores escolares e actividades extraescolares.

A maiores, teranse en conta outras circunstancias sociofamiliares que aleguen as persoas solicitantes (por exemplo, padecer unha discapacidade, ser familia acolledora, familia numerosa, monomarental/monoparental, situacións de violencia de xénero…). Neste caso, deberán aportar o documento que acredite esta situación. Polo tanto, a situación económica e/ou laboral das persoas solicitantes será "o elemento fundamental na valoración dos expedientes".

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados dende a publicación no Boletín Oficial da Provincia. Esta información trasladarase aos diferentes centros educativos de Infantil e Primaria do municipio sostidos con fondos públicos. Concha Fernández explicou tamén que "se poderán solicitar bolsas para sufragar gastos de comedor e actividades extraescolares, por causas sobrevidas, ao longo de todo o ano, debendo quedar suficientemente xustificado o motivo da non solicitude no prazo ordinario". Son exemplos deste tipo de causas o traslado dende outro municipio, situacións de violencia e outros factores de risco ou vulnerabilidade social.

Coa presente liña de prestacións "preténdese contribuír a manter un marco de referencia, minimamente estable, que favoreza a cobertura das necesidades básicas dos menores de idade: a alimentación e a educación". Os recursos convértense en medidas que inciden na convivencia e na integración dos e das menores e das familias do municipio que presenten dificultades económicas e/ou sociais.

Compartir: