MEDIO AMBIENTE

O Goberno presenta un plan para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 40% ata o ano 2030

18/05/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou esta mañá o Plan de Acción para as Enerxías Sostibles, PAES, que será sometido á aprobación da Corporación municipal no pleno que se vai celebrar esta tarde. Xan Duro lembrou que o Concello de Santiago adheriuse en marzo de 2016 ao Pacto entre Alcaldes polo Clima e a Enerxía, "e con esa adhesión asumiu o compromiso de presentar este plan nun prazo máximo de dous anos".

O Plan de Acción para as Enerxías Sostibles de Santiago elabora un inventario de emisións do municipio, ao tempo que define accións que teñen como obxectivo aumentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxía en Compostela, recortando a emisión de gases de efecto invernadoiro. O documento fixa o horizonte temporal de 2030 para a consecución dos seus obxectivos, o mesmo que establece o Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía.

Inventario de emisións
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que, en 2015, o municipio de Santiago emitiu á atmosfera preto de 590 toneladas de CO2, o que supón 6,2 toneladas por habitante. O sector que máis contribúe ás emisións é a industria, responsable do 37% do total, seguido dos transportes, ao que se lle atribúen o 28,6%.

O obxectivo do Plan de Acción para as Enerxías Sostibles é que "esas emisións de CO2 se vexan reducidas nun 20,5% ata 2020, e nun 40,6% ata 2030". Segundo apuntou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, "as medidas previstas pretenden unha redución especialmente efectiva das emisións procedentes dos transportes, cun 39% en 2030".

No PAES tamén se analiza o consumo enerxético en Compostela, que no ano 2015 foi de case 1.850,000 MWh, que equivale a 19,3 MWh por habitante. O tipo de enerxía máis consumida é a eléctrica, cun 38%, seguida do gasóleo, cun 35%.

Accións de mitigación
A segunda parte do Plan de Acción para as Enerxías Sostibles reúne as medidas coas que se pretende reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, e que lle afectan e edificios e equipamentos municipais, ao alumeado público, aos transportes e á xestión de residuos. Tamén se contemplan accións relativas aos edificios domésticos, á industria e ao comercio. Xan Duro apuntou que "algunhas das medidas incluídas no PAES xa foron realizadas ou están en preparación, como a licitación dun servizo de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, ou o cambio do alumeado público a tecnoloxía LED".

No que ten que ver cos edificios e equipamentos municipais, algunhas das medidas contempladas son a licitación do servizo de enerxía eléctrica garantindo que o 100% do subministro ao Concello de Santiago proceda de fontes renovables; a certificación enerxética de inmobles municipais con superficie igual o superior a 250 metros cadrados; a rehabilitación enerxética integral dos inmobles municipais con maior gasto enerxético; ou a implantación de medidas de aforro enerxético nos centros educativos.

En canto ao alumeado público, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia sinalou que xa están en marcha dúas das accións contempladas no PAES para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro: o cambio da iluminación a tecnoloxía LED e a supresión de luminarias obsoletas na zona rural. Tamén se aconsella o cambio a LED da iluminación dos aparcadoiros municipais

Concienciación de particulares e empresas
As accións do Plan de Acción para as Enerxías Sostibles referentes aos edificios domésticos teñen como principal obxectivo a formación e a sensibilización de persoas e técnicos que conduzan ao cambio de comportamento no emprego de enerxía. Así, contémplase a celebración de obradoiros de eficiencia enerxética en fogares, a posta en marcha dun proxecto ocupacional para formar un equipo de axentes enerxéticos de edificios, ou a implantación dun plan de rehabilitación enerxética para a utilización de enerxías renovables en edificios de vivendas.

Na mesma liña, no que ten que ver coa industria, tratarase de incentivar o uso de enerxías renovables. O PAES propón facelo tanto a través de bonificacións no IAE como con xornadas técnicas e accións de promoción da economía circular.

Mobilidade e residuos
O Plan de Acción para as Enerxías Sostibles prevé numerosas accións no eido dos transportes, relacionadas co parque móbil municipal, co transporte público e co transporte privado e comercial. Neste ámbito, Xan Duro salientou que "tamén están xa en marcha algunhas das iniciativas previstas, como os Camiños Escolares Seguros, a reorganización das liñas de autobús, a renovación do parque móbil para a incorporación de vehículos eléctricos, ou o incremento de superficie para os peóns no espazo urbano". A maiores, o PAES fala da implantación dunha rede de cargadores para vehículos eléctricos e de beneficios fiscais para este tipo de coches, ou de novas medidas para incrementar o número do usuarios do transporte público.

Por último, no relativo á xestión de residuos, o Plan contempla accións que teñen como principal obxectivo a formación e sensibilización sobre a importancia de reducir a produción de residuos, co aumento da recollida selectiva, e coa implantación de sistemas de compostaxe. Tamén se fala da implantación dun novo plan de xestión de residuos sólidos urbanos, no que a concellería de Medio Ambiente xa está traballando de cara á futura licitación do servizo.

Compartir: