CENTROS SOCIOCULTURAIS

En marcha unha nova edición do programa "Vive o Verán" nos centros e locais socioculturais

16/05/2017 A concelleira de Centros Socioculturais presentou hoxe unha nova edición do programa Vive o Verán, que pon en marcha este departamento co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar durante o mes de xullo. Concha Fernández explicou que a programación, que se desenvolverá nas mañás do mes de xullo, de luns a venres, pretende "converter as aulas de xogo dos centros socioculturais e os espazos naturais da súa contorna en lugares de encontro para o lecer estival, a socialización e o desfrute do ocio e o tempo libre". O programa está dirixido a nenos e nenas de entre catro e 14 anos, e vén completar a oferta de conciliación para os meses estivais que se organiza dende outros departamentos municipais como Educación ou Mocidade.

O programa Vive o Verán vaise desenvolver en centros e locais socioculturais tanto do ámbito urbano como do rural. Na cidade haberá actividades nos CSC das Fontiñas, Aurelio Aguirre de Conxo, Santa Marta, José Saramago de Vite e O Ensanche. En total, nestes centros ofertaranse 140 prazas para actividades que inclúen saídas para descubrir os valores naturais da cidade, xogos ao aire libre, talleres de reciclaxe, manualidades ou un programa para descubrir os gremios e oficios vinculados a Compostela e máis en concreto a Conxo.

Actividades nos centros do rural
Nesta edición de 2017, o programa estival da rede de centros socioculturais tamén chegará a cinco parroquias do rural: Nemenzo, A Gracia, Figueiras, Villestro e Marrozos. Os seus centros ofertarán un total de 110 prazas para as actividades, que se desenvolverán baixo o lema común "Coñece a túa contorna: coidamos o planeta". Serán xogos interiores e ao aire libre e saídas para que os nenos e nenas participantes coñezan mellor as parroquias.

Concha Fernández salientou a incorporación de tres novos centros do rural ao programa, en concerto A Gracia, Marrozos e Figueiras. Neste último caso, o ano pasado houbo unha oferta similar organizada pola asociación veciñal da parroquia, que neste verán pasa a asumir o Concello.

O día 12 de xullo, todos os participantes no programa Vive o Verán, tanto dos centros do rural como dos da cidade, xuntaranse para facer unha peregrinación simbólica pola Vía da Prata. Está previsto que todos cheguen á praza do Obradoiro para visitar o Pazo de Raxoi e participar nunha recepción oficial.

Horarios e prezos
O programa Vive o Verán desenvolverase nos centros urbanos de 10:00 a 14:00 horas, cun servizo de conciliación de 8:00 a 15:00 horas. Nos centros do rural o horario será de 9:30 a 14:00 horas.

O prezo polo mes completo de actividades será de 80 euros, mentres que a quincena custará 40 euros. Para familias en situacións especiais ou desemprego aplicarase unha bonificación do 100%, que será do 50% para outros colectivos como os de familias monoparentais ou numerosas. Se son dous os irmáns que participan no programa, para un deles aplicarase unha bonificación do 20%.

O prazo de preinscrición nas actividades vai do 16 ao 26 de maio, e será requisito imprescindible estar empadroados en Santiago. As listas definitivas de admitidos coñeceranse o 8 de xuño, e a matrícula deberá formalizarse do 12 ao 23 dese mesmo mes.

Compartir: