MOBILIDADE

O transporte urbano gaña usuarios por primeira vez en case dez anos

11/05/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe dos resultados do exercicio de 2016 no transporte urbano. Jorge Duarte mostrou a súa satisfacción porque o servizo "empeza a gañar usuarios, con 10.000 máis o ano pasado que en 2015".

En 2016, o transporte urbano sumou 7.135.858 usuarios, fronte aos 7.124.117 pasaxeiros de 2015. O edil explicou que estamos ante un cambio de tendencia, "xa que en 2015 perderamos case 37.000 usuarios con respecto ao ano anterior". Para Jorge Duarte, "a cidadanía empeza a estar concienciada da necesidade de apostar polo transporte público e polos modos brandos de transporte".

Liñas máis utilizadas
As liñas 6, 1 e C11 seguen sendo as máis utilizadas polos usuarios. A liña 6 (San Marcos-Os Tilos) sumou case o 17% dos usuarios en 2016; a liña 1 (Cemiterio de Boisaca-Hospital Clínico), foi utilizada polo 15,7% dos pasaxeiros; e a liña C11 (Circular de Fontiñas), por case o 15% dos usuarios totais do transporte público urbano de Santiago. No extremo oposto, as liñas menos utilizadas foron a P4 da Sionlla (0,12%), a P6-Polígono do Tambre (0,35%), e a P7-Grixoa (0,37%).

Tipo de tarifas
En canto ao tipo de tarifas, a máis utilizada en 2016 foi o bono pensionista, cun 32,27% do total, o que supón unha suba de medio punto con respecto ao ano anterior. Séguelle o bono ordinario, utilizado polo 32% dos usuarios (un 0,8% máis que un ano antes), e o billete ordinario, que utilizou algo máis do 18% dos pasaxeiros. Jorge Duarte lembrou que estes datos supoñen que "máis do 32% dos usuarios viaxan gratis" e mostrouse favorable a estudar a inclusión dos criterios de renda en determinadas bonificacións.

Modelo de futuro
Jorge Duarte tamén se referiu ao proceso aberto cara á nova licitación do servizo de transporte urbano. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta do informe encargado por Tussa sobre os diferentes modelos de xestión, que "reflicte que a xestión directa incrementaría os custos do servizo un 28%, debido a que sería preciso renovar a flota de autobuses". Iso, sumado aos límites para o endebedamento dos concellos, "fai que se opte por unha nova concesión, pero cun modelo no que Tussa terá maior capacidade de dirección, de xestión e de decisión".

Duarte explicou que, ao longo do mes de xuño, volverase abrir un proceso de participación para presentar o modelo definitivo das novas liñas, despois do informe económico da primeira proposta realizada polo Concello coas achegas da veciñanza. O concelleiro lembrou que é preciso axustar os aspectos financeiros, "porque o transporte urbano custa a día de hoxe 7,1 millóns de euros, e desa cifra o Concello ten que achegar directamente 4,5 millóns de euros". Tamén aclarou que, ata o ano 2019, será preciso manter "un modelo híbrido no transporte urbano, porque ademais de Tralusa hai outras catro empresas que están operando liñas en virtude de sentenzas xudiciais que poñen ese ano como límite das concesións".

Documentos relacionados



Compartir: