POLÍTICAS SOCIAIS

Área Central acolle a V edición do mercadiño solidario "Trócame-Roque"

08/05/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá a quinta edición do mercadiño solidario Trócame-Roque, que dende 2013 organiza a rede comunitaria de Fontiñas. Na rolda estivo acompañada de representantes das entidades que participan na organización do evento.

O proxecto enmárcase dentro do traballo comunitario que se está levando a cabo no barrio das Fontiñas e no que participan as seguintes entidades: IES Antonio Fraguas, CEIP Fontiñas, CEIP Monte dos Postes, Centro de Día Arela, Cáritas Parroquial das Fontiñas, Programa de Atención a Familias Abeiro (tamén pertencente a Cáritas Diocesana), Cruz Vermella, Fundación Secretariado Xitano, Asemblea de Cooperación pola Paz, Centro de Saúde de Fontiñas, colectivo Barriopía e, por suposto, a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde (a través da UTS Fontiñas, Programa Municipal Socioeducativo e Programa Municipal de Prevención).

Proxecto solidario
O obxectivo da organización deste mercadiño é sufragar un proxecto solidario situado no propio barrio das Fontiñas. "Se ben somos conscientes de que o que se recade vai ser algo simbólico, preténdese este ano que o importe se destine basicamente a colaborar na financiación do gasto dalgunha necesidade socioeducativa detectada na zona, canalizado a través de entidades sociais".

Esta necesidade estaría vinculada ao Ensino Infantil, por ser a etapa de escolarización (non obrigatoria) que presenta unha situación de maiores gastos en material para as familias, dado que non dispoñen de becas ao efecto. Tamén se vai colaborar cos bancos de libros dos referidos centros educativos e mesmo á implementación de calquera acción que teña un dobre enfoque, comunitario e socioeducativo.

Trátase dun proxecto no que as persoas que teñen o protagonismo son os mais novos e novas, as rapazas e rapaces do barrio, que se converten en axentes de solidariedade social. Preténdese concienciar aos menores sobre a realidade social e comunitaria na que viven e "espertar" neles iniciativas de índole solidaria.

Ao mesmo tempo, téntanse reforzar os espazos de encontro e de vida comunitaria, nos que estean presentes aspectos tan importantes como a interxeneracionalidade, a igualdade e a solidariedade social, dentro dun marco de convivencia positiva. A proposta consiste en levar a cabo un mercadiño desenvolvido principalmente por participantes infantís e xuvenís (de 8 a 18 anos), no que haxa diferente oferta de intercambio baseado na venda e no troco de: produtos feitos a man por eles mesmos e produtos de segunda man como cómics, libros, xogos, xoguetes, videoxogos, CDs, DVDs.

Cada posto doará a cantidade que, en conciencia, considere debe aportar, aínda que se establece un mínimo do 50% do recadado (quedando o 50% restante para sufragar os gastos de material xa adiantados polos participantes). Ao redor do mercado celebráranse outras actividades de animación, para fomentar a participación e reforzar eses espazos de convivencia.

Actividades
No mercadiño solidario haberá diversas actuacións, como a da Coral Solfa, de break, beatbok e parkour, despois realizarse os obradoiros correspondentes. Elaborarase tamén un graffiti conmemorativo deste mercadiño.

Ao longo da tarde celebraranse varios obradoiros a cargo de Cruz Vermella, tanto de maquillaxe como de globoflexia. A Asemblea de Cooperación pola Paz organizará tamén o obradoiro "Leva a túa chapa personalizada", e o colectivo Barriopía un photocall. O mercado terá tamén un planetario móbil a cargo da Obra Social de La Caixa que leva por nome "Vive o mundo a astronomía e a bioloxía".

Compartir: