DEPORTE

A Festa do Deporte reunirá as entidades deportivas de Santiago nun evento único

05/05/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá os detalles da I Festa do Deporte, un evento novidoso que quere reunir en torno ao deporte o maior número de asociacións e veciñanza posible.

A I Festa do Deporte celebrarase en Santiago o sábado 17 de xuño. Trátase dun evento deportivo recreativo e popular aberto á participación de todas as familias, con actividades que pretenden achegar a gran diversidade de opcións que nos brinda a nosa cidade e que fan de Compostela unha gran vila deportiva.

Noa Morales animou á participación, porque "vivimos nunha cidade que aposta polo deporte san, no que queremos que sexades parte todos e todas", para engadir que se trata de "gozar dos deportes durante dous días diferentes, nos que se poderá ver ademais o traballo que veñen realizando moitas entidades compostelás" que, sen dúbida, serán as protagonistas da Festa.

Para participar só hai que achegarse a cada unha das sedes e participar nas
actividades que se estean a practicar. A información do programa de actividades, sedes e horarios poderán consultarse no enderezo electrónico festadodeporte.gal.

Homenaxe ás entidades deportivas
A concelleira de Deporte insistiu en que esta festa do deporte quere ser "unha forma de premiar ás asociacións deportivas da cidade, que traballan arreo durante todo o ano cos poucos recursos cos que contan elas e cos que contamos nós". A Festa do Deporte configúrase así como unha homenaxe a estes grupos, que serán os protagonistas absolutos esta xornada.

Xa hai 15 entidades deportivas inscritas e outras 22 que amosaron o seu interese en participar. A inscrición, que remataba hoxe, amplía o seu prazo ata o vindeiro 14 de maio, "día que esperamos poder contar cun gran número de entidades inscritas".

As asociacións participantes pertencen a disciplinas deportivas diversas como a chave, o aikido, o baloncesto, a ximnasia rítmica, o rugby, o hóckey, a caza e pesca, o quidditch, o agility, o béisbol, o skate ou a esgrima. A maiores tamén participarán as federacións galegas de Fútbol e Baloncesto.

A Festa do Deporte 2017 acollerá, polo tanto, numerosas especialidades deportivas en poucos espazos, "o que permitirá a veciños e veciñas practicar o deporte que queiran da man de colectivos profesionalizados, aprender as regras de calquera xogo e incluso animarse a probar novos deportes que nunca practicaron pero polos que poden ter curiosidade, como o aikido, o quidditch ou mesmo o rugby".

Direcciones relacionadas



Compartir: