ACCIÓN CULTURAL

"Case nada en común", nova exposición no CSC de Vite

04/05/2017 Case nada en común é o título dunha nova exposición que poderá visitarse ata o 29 de maio no Centro Sociocultural José Saramago de Vite. Os artistas desta mostra colectiva presentarán a mesma nun acto que se celebrará este martes ás 20:00 horas.

Con motivacións e técnicas moi diversas, o grupo de artistas que participan nesta exposición pertencen a xeracións diferentes e só teñen algo en común: o feito de coincidir –nalgún momento– practicando as artes ao vivo nas rúas de Santiago de Compostela.

Presentan perfís que van dende a rigorosa formación académica á práctica máis autodidacta. Abordan temas que lles interesan dende discursos moi diferentes e teñen procedencias tan diversas como Arxentina, Polonia, Castela-A Mancha, Cuba, Cataluña, Galiza e Corea do Sur.

A mostra que achegan aos centros socioculturais é unha oportunidade para coñecer aspectos do seu labor que, por tamaño ou técnica, é máis difícil ver nas súas exposicións da rúa. Lonxe de estereotipos, as obras que presentan mostran estilos consolidados e linguaxes persoais que prenden na tradición pictórica para desenvolverse na ampla xeografía visual da arte contemporánea.

Compartir: