ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

A "Compostelánea" de maio recolle a programación das festas da Ascensión

04/05/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi o número de maio de Compostelánea, a publicación mensual elaborada por Turismo de Santiago e a Concellaría de Acción Cultural que informa da oferta turística, cultural e de ocio da cidade. Trátase do décimo número da revista, que naceu en xullo de 2016 para ofrecer a habitantes e visitantes de Santiago unha guía práctica para sumarse con boa información á vida activa na cidade.

A Compostelánea de maio dedica a súa portada e reportaxe principal á programación das festas da Ascensión. Nesta celebración, sempre agardada polos composteláns, a cidade énchese de actividades lúdicas e culturais, concertos, actuacións nas rúas e teatro, e revisita tradicións moi queridas: os cabezudos, a muiñeira, a feira na Alameda, a noria, o polbo na carballeira de Santa Susana ou a feira cabalar en Amio.

Dende hai séculos, a Ascensión é un día grande en Santiago; é xornada de feira e, ultimamente, tamén de festa. Trátase dun evento moi tradicional, que a xente de Santiago asocia coa primavera, con paseos e bailes na Alameda e en Santa Susana, con barracas e coa feira. Malia que na actualidade se desenvolve, ante todo, coma unha celebración festiva, en orixe naceu como unha importante feira. Este mercado de gando, sobre todo cabalar, duraba dous días e atraía milleiros de persoas, non só da contorna, senón tamén de comarcas máis afastadas. A xente acudía a Santiago e a cidade enchíase daquela cun enorme balbordo de persoas, animais e mercadorías.

A cidade enteira vibrará cos concertos e actuacións deste ano. Música para todos os gustos e idades, dende as tendencias máis actuais que achegan Los40, pasando polo blues de Myles Sanko, as propostas de Kiko Veneno, Eladio y los Seres Queridos ou o Translations Trio, ata os grupos noveis do Cancelas Fest.

Os amantes da música clásica terán a oportunidade de escoitar a Real Filharmonía de Galicia coa espectacular acústica da Quintana, e as melodías máis familiares virán da man da Banda Municipal. O espectáculo cheo de ritmo de María Fumaça fará bailar á cativada e co Compostela é! Música gozaremos dos sons das formacións locais. A rúa encherase de folk, de percusión e de corais que cubrirán con voces os poucos silencios que queden libres nestes días festivos.

As tropas imperiais da Guerra das Galaxias tomarán Compostela por terceira vez, en plenas festas da Ascensión, conmemorando o 40º aniversario da estrea da primeira película da saga. O desfile terá un novo percorrido, con saída no Colexio de La Salle, ás 17:30 horas. Pasará logo polas rúas e prazas do Casco Histórico para chegar finalmente ao Obradoiro sobre as 19:30 horas. O evento incluirá unha homenaxe á figura da actriz Carrie Fisher, que encarnou á Princesa Leia. Ademais o actor británico Paul Blake, que participou na primeira entrega no papel de Greedo, asinará autógrafos. A recadación que se obteña destinarase á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

Maio acolle tamén unha das celebracións máis grandes da cultura galega, o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Carlos Casares. Santiago énchese de actividades para dar visibilidade a súa figura e difusión á súa obra. Durante todo o mes, na Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura e no Museo do Pobo Galego haberá exposicións e mostras bibliográficas sobre o autor ourensán. Do luns 15 ao venres 19 teremos a oportunidade de explorar a súa relación con Santiago, coa Ruta Carlos Casares e Compostela, que sairá cada tarde da praza de Mazarelos.

Documentos relacionados



Compartir: