ACCIÓN CULTURAL

Terceira sesión en Conxo dos "Contos no espello", con Pepe Sendón e Marcos Teira

03/05/2017 O sábado 6 de maio, ás 20:30 horas, o Centro Sociocultural de Conxo acollerá a terceira sesión dos Contos no espello, actividade incluída no programa Liñas paralelas, de sesións de relato breve e música.

Baixo o título "Contos da cor do cristal no que se mira", Pepe Sendón, campañado de Marcos Teira á guitarra, fará un percorrido por historias de autores como Primo Levi, Cortázar, Collier ou Hawthorne.

Os Contos no espello son unha proposta de narración oral e música como experiencia única, onde o espello como enigma e atractivo literario se une á ollada que duplica, distorsiona e está presente de xeito permanente na sala espellada do Centro Sociocultural de Conxo.

As sesións celébranse os primeiros sábados de mes ata xuño, ás 20:30 horas. Ademais da selección narrativa para cada sesión, nestes encontros pódense ler aqueles relatos escollidos que se queiran enviar. Para iso hai que escribir un conto en galego no que apareza un espello ou seleccionar un conto sobre espellos escrito ou contado por outra persoa e facer unha versión propia.

Este relato non pode ser longo e o ideal sería entre 500 e 1.000 palabras, pois é para ser lido en público. Hai que envialo indicando o número de teléfono a través de correo electrónico a csconxo@santiagodecompostela.gal. Se o conto finalmente é seleccionado, o propio narrador ou narradora poderá lelo dentro dunha das sesións. Os mellores contos orixinais recibirán como agasallo unha selección de libros.

Compartir: