TURISMO

A nova DispoApp permite coñecer en tempo real a dispoñibilidade de prazas hoteleiras en Santiago

03/05/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou a nova versión da DispoApp, ferramenta electrónica que Turismo de Santiago creou no 2016 para poder informar en tempo real nas súas oficinas de información turística sobre a dispoñibilidade de prazas nos establecementos hostaleiros da cidade. Xunto a ela estiveron Luz Castro, deseñadora da aplicación, e Flavia Ramil, xerente de xerente de Turismo de Santiago.

A oficina de información turística de Turismo de Santiago atende cada ano algo máis de 200.000 consultas presenciais na rúa do Vilar. En moitos casos, especialmente nos meses de temporada alta, as consultas refírense ás prazas dispoñibles para ese mesmo día en hoteis, pensións ou albergues. Para poder prestar ás persoas que visitan a cidade información útil e en tempo real, a entidade de promoción turística municipal creou no 2016 a DispoApp, unha nova ferramenta electrónica que permite que sexan os propios establecementos os que carguen no programa a dispoñibilidade de prazas que teñen en cada momento.

A ferramenta é de balde para os aloxamentos da cidade. O proceso de carga é moi sinxelo e rápido para os establecementos. En a penas dez segundos poden indicar os cuartos que teñen dispoñibles en cada momento e os seus prezos. Esta información pode actualizarse ao longo do día todas as veces necesarias. A actualización pode facerse dende diferentes plataformas, ordenadores, teléfonos ou tablets, para que sexa o máis sinxelo posible.

Na primeira versión da DispoApp só o persoal de información de Turismo de Santiago podía ver a dispoñibilidade de prazas que había en cada momento nos establecementos de Santiago. Deste xeito podía dar información filtrada e en tempo real ás persoas que preguntasen por aloxamentos dispoñibles na cidade e arredores para esa mesma noite.

O persoal de Turismo de Santiago non facía as reservas directamente nin cobraba ningún tipo de comisión, xa que o servizo é gratuíto tanto para os establecementos como para as persoas usuarias. O que entregaba era un documento coa información sobre as prazas dispoñibles e enderezos, números de teléfono e correos electrónicos, para que podan facer as súas reservas directamente.

No seu primeiro ano de funcionamento, máis de 60 establecementos hostaleiros da cidade cargaron activamente os seus datos na DispoApp, informando das prazas dispoñibles que tiñan cada día. O persoal de Turismo de Santiago empregou a ferramenta para responder a máis de 10.000 consultas de turistas sobre dispoñibilidade de prazas na cidade para o mesmo día.

Nesta temporada de verán, debido aos bos resultados de uso do ano pasado tanto por parte do sector como por parte do persoal da oficina de información turística, dende Turismo de Santiago decidiuse abrir ao público xeral a DispoApp, que xa se pode consultar na web da entidade municipal de promoción turística, www.santiagoturismo.com. Deste xeito, calquera persoa que chegue a Santiago sen reserva previa pode consultar en tempo real onde hai prazas dispoñibles para ese mesmo día, con todos os datos de contacto precisos para poder facer directamente co establecemento a súa reserva para ese día.

Compartir: