CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia achega esta semana aos nenos e nenas o conto clásico "Pedro e o lobo", de Prokofiev

25/04/2017 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de Primaria. O primeiro será este mércores 26, ás 11:00 horas; e o segundo o xoves 27, tamén ás 11:00 horas. Ambas as dúas citas terán lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

A batuta destes concertos levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG. A orquestra interpretará Pedro e o lobo, unha das obras máis coñecidas do compositor ucraíno Sergei Prokofiev (1891-1953). En 1936, o Teatro Infantil Musical de Moscú encargoulle a Prokofiev unha nova sinfonía para nenos e nenas, co fin de cultivar o gusto musical entre a infancia dende os primeiros anos de escola. Compuxo a obra en tan só catro días.

Trátase dunha historia para nenos e nenas, con música e texto adaptado por Prokofiev, cun narrador acompañando á orquestra. Neste caso será o actor galego Xosé Barato o encargado de relatar a historia.

O compositor quería ensinar a nenos e nenas a distinguir os instrumentos musicais, de xeito que neste conto sinfónico cada personaxe da historia está representado por un instrumento e unha melodía característica. Así, as cordas representan a Pedro, o protagonista; a frauta é o paxariño; o fagot é o avó; o clarinete o gato; o óboe é o parrulo; tres trompas representan ao lobo e os instrumentos de percusión aos cazadores.

Compartir: