ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Aberto o VII Ciclo de Sesións Didácticas da Escola Municipal de Música

25/04/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, asistiron este martes no CEIP Monte dos Postes ao primeiro concerto do 7º Ciclo de Sesións Didácticas da Escola Municipal de Música, que se imparten nos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria de Compostela. Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM é o título deste programa, que se desenvolverá ao longo dos meses de abril e maio e no que está prevista a participación de máis de 500 escolares.

Estas sesións didácticas teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos na rede de centros educativos de Compostela. Así, neste primeiro encontro, os profesores Óscar Fernández (saxofón) e Pablo Pascual (clarinete) falaron dos seus instrumentos facendo un percorrido pola súa orixe e evolución, describindo as calidades dos mesmos ao tempo que interpretaron diversas pezas a modo de explicación.

En cada xornada deste ciclo, dous profesores da EMM percorrerán os centros educativos: Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Mestre Rodríguez-Xixirei, Apóstolo Santiago, López Ferreiro, Fontiñas, San Jorge, Vilas Alborada e Santa Apolonia. A parella de profesionais agruparase por instrumentos, describindo as súas características e posibilidades melódicas e explicando as diferentes formas musicais de interpretación. Durante as sesión, de 50 minutos, faranse tamén xogos arredor dos instrumentos e explicarase a orixe e a evolución dos mesmos.

Profesorado e calendario
O equipo docente da EMM está formado por 21 profesores e profesoras que imparten as especialidades instrumentais de: violín, viola, vilonchelo, contrabaixo, guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, frauta, clarinete, gaita, percusión, piano, saxofón, trompeta, acordeón, trombón, bombardino, trompa, arpa, percusión tradicional e acordeón tradicional.

Nesta edición, achegaranse aos centros as seguintes parellas instrumentais: clarinete e saxofón, Pablo Pascual e Óscar Fernández; contrabaixo e frauta traveseira, Pilar López e Rocío Balboa; acordeón e guitarra, Eva Pato e Enrique Cuesta; trombón e trompeta, Víctor Collazo e Fernando Rey; e Guitarra eléctrica e percusión: Francisco Javier García e Antonio Ocampo.

Despois dos encontros deste martes, no CEIP Monte dos Postes e no CEIP Raíña Fabiola, as sesión continuarán o 27 de abril nos colexios San Jorge e Santa Apolonia; o 2 de maio nos CEIPs Ramón Cabanillas, Mestre Rodríguez-Xixirei e Apóstolo Santiago e no Colexio Vilas Alborada; e o 4 de maio nos CEIPs López Ferreiro e Fontiñas.

A Escola Municipal de Música, como centro público dedicado ao ensino musical, ten como obxectivo fomentar dende a infancia o coñecemento e a apreciación da música, iniciando aos nenos e as nenas dende as idades máis temperás na súa aprendizaxe. A matrícula total do alumnado da EMM neste curso escolar 2016-2017 é de 441 alumnos/as.

Compartir: