LINGUA

En marcha a segunda edición de #Fotolingua

25/04/2017 O alcalde presentou hoxe a segunda edición do concurso #Fotolingua, organizado polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago co obxectivo de darlle visibilidade aos establecementos comerciais que fan uso do galego. Martiño Noriega explicou que, con este certame, "trátase de chamar a atención da cidadanía para que valore os establecementos que se comprometen co uso da nosa lingua, e de facilitar que eses establecementos comproben que empregar o galego é unha vantaxe competitiva".

O concurso #Fotolingua desenvólvese a través do Facebook e de Instagram. Os usuarios e usuarias destas redes, maiores de idade, poderán publicar imaxes orixinais de espazos comerciais nos que se amose a vitalidade do uso da nosa lingua. Poden ser fotografías de elementos diversos, como escaparates, rotulación, etiquetaxes ou publicidade.

As imaxes deberán ir acompañadas dos cancelos #fotolingua, #establecementoengalego e #ogalegovende; e da localización das fotografías. Os/as autores/as poden participar na campaña con cantas fotografías desexen. É indispensable que as imaxes sexan subidas ás redes en modo "público", de xeito que sexan visibles para todo o mundo e non só para os "amigos" ou "seguidores" do autor.

Prazos e agasallos
A segunda edición do concurso #Fotolingua desenvolverase do 8 ao 29 de maio. O nome dos gañadores coñecerase o 31 de maio. Entregaranse agasallos en dúas categorías: a imaxe que obteña máis "gústame" en Facebook e "likes" en Instagram na súa publicación orixinal; e a imaxe seleccionada pola organización pola súa orixinalidade ou capacidade de transmitir valor positivo á lingua. Os gañadores recibirán cadansúa cámara Polaroid Snap.

Á primeira edición do concurso, celebrada o ano pasado, presentáronse 58 fotografías de locais e lugares de Santiago nos que a lingua galega tiña un papel protagonista. Estas imaxes recibiron un total de 1.057 "likes" ou "gústame", e o Facebook e o Instagram abertos para o concurso contabilizaron 575 usuarios. A través de Facebook, o impacto do certame acadara o ano pasado case 54.000 usuarios na área de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: