DEPORTE

Máis de 800 estudantes celebrarán o Día da Educación Física na Rúa

24/04/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu a coñecer esta mañá os actos para celebrar o Día da Educación Física na Rúa, que terán lugar este martes 25 de abril na praza da Quintana. Na rolda estivo o director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda; o profesor de Educación Física do centro, Pablo Alén; e un dos alumnos organizadores, Raúl Lorenzo.

Noa Morales destacou "o pulo que este ano colleu a celebración deste día, coa participación de 2.700 alumnos e alumnas en toda Galicia e de máis de 800 en Santiago". A concelleira quixo agradecer o traballo do Colexio Oficial de Licenciados de Educación Física de Galicia, "que facilitaron a divulgación dos actos".

As actividades están organizadas por un grupo de alumnos/as de 2º Ciclo Formativo de Grado Superior de Animación en Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD) do IES Rosalía de Castro. Así, o profesor Pablo Alén sinalou que "non ten que ver a Educación Física de agora coa de hai anos, xa que actualmente é moi integradora e moi enfocada coa saúde". Pola súa banda, o alumno Raúl Lorenzo asegurou ter "moita ilusión, porque é o primeiro proxecto que desenvolvemos e por iso estamos moi orgullosos". Finalmente, Ubaldo Rueda destacou a parte "concienciadora deste día, que permite concienciar ás familias sobre os beneficios da educación física".

Dende as 9:15 e ata as 13:30 horas, a praza da Quintana acollerá unha serie de actividades nas que participarán alumnos e alumnas de varios grupos de sete centros de Compostela: Cluny, Pío XII, Xelmírez I, San Pelayo, Antón Fraguas, Raíña Fabiola e Alborada.

Os centros participantes realizarán diversas actividades ao longo da mañá, entre as que destacan coreografías grupais, adestramento persoal, exercicios hipopresivos, circuítos de cinco estacións, percusións corporais, rondos cubanos e hip hop. Habilitouse o cancelo #diadaeducacionfisicanarua2017 para a difusión de material e fotos coas actividades.

Unha hora máis
A celebración deste día con varias actividades ten unha compoñente reivindicativa. O Día da Educación Física na Rúa pretende ser unha forma de defender o deporte na escola, os hábitos de vida saudables e a reivindicación dunha hora lectiva máis desta materia nos colexios.

Compartir: