TURISMO

Santiago participa en Betanzos nunha feira para promocionar o Camiño Inglés

21/04/2017 Turismo de Santiago participa este sábado nunha feira que se celebra en Betanzos para promocionar o Camiño Inglés no marco da campaña Primavera no Camiño, coa que a Deputación da Coruña pretende divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Será a primeira vez na que se promocionan conxuntamente os concellos coruñeses polos que pasa o Camiño Inglés. Unha gran senda verde atravesará o centro da praza García Irmáns, indicando a zona pola que discorre o Camiño cara a Santiago. Nos seus laterais, dúas carpas de máis de 160 metros cadrados acollerán os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con distintas actividades.

Na carpa central, desenvolveranse ao longo da xornada sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña como a tortilla de Betanzos, as troitas de Oroso, o pan de Carral, a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño branco lexítimo da comarca de Betanzos, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico cos sabores máis característicos do Camiño Inglés.

O evento contará tamén con actuacións de música e danza tradicional a cargo das agrupacións Airiños (Fene), O Castro (Miño), Lucero del Alba (Neda), Ancoradoira (Culleredo), Arnela (Carral) e Airiños do Frade (Cabanas), entre outras; así como demostracións de artesanía como as que desenvolverán as fiandeiras de Cabanas ou os ourives de Santiago, representados pola artesá Susi Gesto. Ademais o Obradoiro CAB presentará o seu proxecto Camiño acaba no Obradoiro, no que un xogador de baloncesto percorre o Camiño de Santiago.

Compartir: