ALCALDÍA

O Goberno comprométese a impulsar un centro de tecnificación dos deportes de raqueta en San Lázaro

21/04/2017 O alcalde anunciou hoxe o compromiso do Concello co impulso dun centro de tecnificación dos deportes da raqueta, no contorno do Estadio Municipal de San Lázaro. Foi despois da reunión que Martiño Noriega mantivo esta mañá cos presidentes das federacións Galegas de Tenis de Mesa, José Alborés; Bádminton, Rodrigo Sanjurjo; e Squash, Carlos Noya.

O alcalde explicou que a xuntanza de hoxe viña precedida por unha rolda de conversas cos representantes das tres federacións, "que tiñan a demanda histórica de acondicionar en Santiago un centro especializado nos deportes de raqueta". Martiño Noriega sinalou que o Concello comprometeuse hoxe a facer as modificacións que sexan precisas no Plan Especial e a aportar uns terreos nas inmediacións do Estadio Municipal de San Lázaro para que ese centro sexa unha realidade. O Concello, apuntou, tamén se encargará de elaborar o anteproxecto e o proxecto dese futuro edificio. O alcalde explicou que "o Goberno local tamén buscará fondos para o proxecto, complementando o traballo que van facer nesta liña as tres federacións".

Débeda pendente
O presidente da Federación Galega de Squash, Carlos Noya, mostrouse moi satisfeito polo respaldo do Goberno, e comprometeuse a que agora as tres federacións implicadas "buscarán o apoio doutras administracións para que financien esta idea que ten como padriño ao Concello de Santiago".

Para Carlos Noya, "Santiago ten unha débeda enorme cos deportes de raqueta, e máis cos minoritarios". Nesa liña, recordou que Compostela non conta cunhas instalacións acaídas para a práctica do squash e, por iso, "está en débeda cun campión como Borja Golán". O mesmo acontece co Club Arteal Tenis de Mesa, "un equipo cunha gran lonxevidade e que estivo nos primeiros postos da liga". En canto ao squash, Carlos Noya explicou que "en Santiago non hai ningunha instalación específica, e a Federación ten que traballar nun centro do Concello da Estrada e no centro de tecnificación de Pontevedra".

O presidente da Federación Galega de Squash mostrouse convencido de que "grazas á boa sintonía co Concello, Santiago terá moi pronto un edificio pioneiro, non só en Galicia, senón no conxunto de Europa, especializado nos deportes de raqueta máis minoritarios".

Compartir: