CONSORCIO

O Consorcio licita o servizo de conservación e mantemento dos pavimentos da cidade histórica

21/04/2017 O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso o servizo de conservación e mantemento dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica para un período de algo máis de 18 meses (dende mediados de xuño deste ano ata finais de 2018). Durante este espazo de tempo, o organismo interadministrativo destinará un total de 266.000 euros a estas actuacións. O 19 de maio remata o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.

A pedra que pisas é un programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo Consorcio de Santiago dende o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito do casco histórico compostelán. Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas, baixo a planificación da Oficina Técnica do Consorcio.

O obxecto prioritario deste servizo é garantir a seguridade dos peóns e dos cidadáns que se moven a pé pola cidade histórica. Con este propósito, crearase un equipo de canteiros que estará dedicado en exclusiva a reparar de maneira inmediata calquera situación de risco para os viandantes. "Dáse a circunstancia de que son os vehículos, en particular os camións de reparto de mercadorías e outros servizos, os que están a provocar os danos de xeito recorrente sobre as mesmas áreas", manifestan os técnicos do Consorcio-.

Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto ao deterioro do empedrado ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de emendar o dano.

Este programa busca ademais garantir a mellor conservación dos lousados, tendo en conta que "o pavimento da cidade histórica é unha auténtica fachada horizontal de pedra pola que non só camiñan os cidadáns, senón que tamén discorren as augas cara aos sumidoiros e, por debaixo da cal, se atopan as infraestruturas indispensables para garantir a habitabilidade, a produtividade e a competitividade da cidade", salientan os técnicos.

Compartir: