XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a expropiación definitiva da vivenda vinculada ao CEIP Lamas de Abade

21/04/2017 A Xunta de Goberno aprobou este venres, de maneira definitiva, a expropiación do dereito de ocupación da vivenda localizada no recinto do CEIP Lamas de Abade. Foi despois de rexeitar as alegacións presentadas pola persoa que tiña o dereito de uso da edificación, malia a non ter ningunha relación co centro educativo. Agora, a persoa afectada terá 20 días de prazo para presentar alegacións no que ten que ver coa indemnización que recibirá, e despois a vivenda será posta a disposición da Consellería de Educación.

A expropiación desta edificación ten a súa orixe no déficit de espazo no CEIP Lamas de Abade, e foi a única saída que lle quedou ao Goberno local despois de que a familia afectada rexeitara toda mediación tanto do Concello como da Valedora do Pobo. A medida foi acordada coa Consellería de Educación, que prevé converter a vivenda en dúas aulas, que poderían entrar en funcionamento de cara ao vindeiro curso 2017-2018. O custo da expropiación do dereito de uso da edificación é de algo máis de 13.000 euros.

Novidades na xestión do cobro da taxa da auga
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe unha proposta da concelleira delegada de Economía e Facenda, relacionada coa xestión do cobro da taxa da auga, saneamento e lixo. O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, explicou que a decisión que se adoptou hoxe "está relacionada cun informe do Tribunal de Contas do ano 2005, no que se alertaba de importantes irregularidades relacionadas con eses recibos, sobre os que o Concello non tiña ningún control".

Aínda que o Concello elaborara en 2006 uns informes nos que se propoñían algunhas medidas ao respecto, a maioría non se chegaron a aplicar polas súas dificultades técnicas. Despois do acordo adoptado pola Xunta de Goberno, o Concello terá o control de todos os recibos, e encargarase do cobro daqueles que se atopen xa na vía executiva e para os que teñan transcorrido 18 meses dende o remate do período voluntario de cobro.

Segundo explicou Xan Duro, as medidas que se van aplicar agora permitirán "ter un maior control e transparencia nos recibos da auga do lixo, porque a xestión estará nas mans do Concello e non nas da empresa concesionaria".

Petición de responsabilidades
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o inicio do procedemento para esixir responsabilidades á adxudicataria do contrato de asistencia xurídica do Concello por presuntos incumprimentos parciais das súas obrigas. Xan Duro explicou que a decisión ten que ver con dous asuntos: un relacionado co pago dunhas expropiacións na rúa de Triacastela e o outro co pago do canon por parte de Setex Aparqui.

En relación á rúa Triacastela, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non admitiu a trámite o recurso presentado polo Concello contra a resolución do Xurado de Expropiación de Galicia sobre o prezo xusto dunhas expropiacións, e fíxoo alegando que nel non se presentara a documentación necesaria. Iso supuxo unhas perdas para o Concello duns 100.000 euros.

No que ten que ver con Setex Aparqui, a adxudicataria da asistencia xurídica incumpriu a orde dada por escrito polo concelleiro Xan Duro para que interpuxera un recurso contra unha sentenza que lle daba a razón á empresa concesionaria da ORA e o guindastre sobre as liquidacións do canon mensual que ten que abonar. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que "esa decisión supuxo graves prexuízos económicos para o Concello, e a día de hoxe non temos unha explicación de por que non se presentou o recurso tal e como decidira o Goberno local". O concelleiro lembrou que o contrato para a asistencia xurídica do Concello rematou o 31 de decembro de 2016, "e desde entón ese servizo está municipalizado".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: