MEDIO AMBIENTE

O contrato de subministro eléctrico permitirá que o Concello consuma enerxía 100% renovable

18/04/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, deu conta este martes da adxudicación do contrato de subministro de enerxía eléctrica en baixa e media tensión do Concello de Santiago á empresa Gas Natural Comercializadora S.A. A proposta foi aprobada nunha Xunta de Goberno celebrada o pasado mércores, e vén a "regularizar o subministro de eléctrico no Concello de Santiago, onde nunca existiu un contrato ao respecto". O edil explicou que "o Concello incumpriu sistematicamente a obriga de sacar a concurso o subministro dende a liberalización do sector eléctrico, en 1997".

O concelleiro explicou que o contrato foi adxudicado á mesma empresa nos tres lotes nos que foi sacado a concurso, e por un total de 2.636.037,52 euros. O Lote I inclúe o subministro de baixa tensión con potencia contratada igual ou inferior a 10 kw, e o prezo de adxudicación foi de 407.355,11 euros, máis IVE de 85.544,57 euros. O Lote II incorpora o subministro de baixa tensión con potencia contratada superior a 10 kw, e o prezo de adxudicación foi de 1.504.671,50 euros, máis IVE de 315.981,01 euros. Por último, o Lote III refírese ao subministro de media tensión, e o seu prezo é de 318.582,93 euros, máis IVE de 66.902,41 euros. En todos os casos, a adxudicación faise polo prazo dun ano, prorrogable a outro ano.

100% de enerxía renovable
Xan Duro salientou que "ademais de poñer orde adxudicando un contrato que nunca existira, logramos a contratación do 100% da enerxía eléctrica con garantía de orixe renovable, por riba do 50% que figuraba como requisito nos pregos, que era o máximo legal". O edil explicou que "ofertar este tipo de enerxía renovable pesaba un 25% no prego, o que motivou que todas as empresas que optaron ao contrato presentaran ofertas cos máximos de enerxía renovable".

Importante aforro
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia salientou que, ademais de regular a situación do subministro eléctrico, a adxudicación do servizo a través dun concurso permitirá un notable aforro para as arcas municipais. Xan Duro explicou que "o custo do subministro para as arcas municipais verase rebaixado en máis de 600.000 euros, grazas a que as empresas fan rebaixas para poder ser competitivas no concurso de adxudicación".

Ademais, o edil apuntou que o Goberno confía en incrementar o aforro en subministro eléctrico "grazas a outras medidas como a substitución de luminarias do alumeado público, boa parte delas a través do préstamo do IDAE". Con esa achega, substituiranse máis de 2.400 puntos de luz nas entradas á cidade, e estímase que o aforro anual será de máis de 240.000 euros.

Por último, Xan Duro salientou que a adxudicación deste contrato suporá unha importante simplificación na facturación, xa que "reduciremos a unha terceira parte as máis de 3.000 facturas anuais por subministro eléctrico que chegan a día de hoxe ao Concello".

Compartir: