CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais celebran o Día do Libro cunha ducia de actividades

18/04/2017 A concelleira Concha Fernández, que ten delegadas temporalmente as competencias de Centros Socioculturais, presentou este martes as actividades que se van desenvolver na rede para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril. As propostas, máis dunha ducia de actividades distintas, terán lugar ao longo de toda a semana "co obxectivo de animar á cidadanía a achegarse á lectura e de compartir a afección no caso dos que xa a teñen". Na rolda de prensa tamén participou Guadalupe Rodríguez, técnica da rede de Centros Socioculturais. A concelleira explicou que a intención do departamento é "darlle visibilidade ao traballo que se fai na rede ao longo de todo o ano para fomentar o hábito da lectura, sobre todo entre o público miúdo".

Unha das actividades propostas para celebrar o Día do Libro son as sesións de Lecturas continuadas, que terán lugar nos centros socioculturais de Fontiñas, Conxo, Vite, Santa Marta e O Ensanche. Entre outros, leranse fragmentos de O libro da selva e poemas de Rosalía de Castro. No caso do CSC do Ensanche, o próximo venres 21, tamén se desenvolverá unha actividade chamada Pasalibro, na que no canto de ler un libro se escribirá entre todos os asistentes.

Dende os mesmos centros socioculturais tamén se van organizar ao longo da semana os chamados bookcrossing, soltas de libros para que quen o desexe os poida recoller para lelos e devolvelos despois á rúa para que sexan outros os que desfruten deles. Ademais, habilitaranse espazos para o intercambio de libros, de xeito que calquera poida recoller un volume e deixar outro a cambio.

Exposicións e mural xigante
No marco da programación especial da Rede de Centros Socioculturais polo Día do Libro, preparáronse dúas exposicións de carácter didáctico. A primeira delas pódese visitar dende hoxe ata o día 22 no CSC de Vite, baixo o título O meu libro preferido. A segunda mostra, no centro de Conxo, está dedicada á historia da imprenta e do cartelismo de impresión. Estará aberta dende o 19 de abril ata o 10 de maio.

Hoxe tamén comezan nos centros os traballos para elaborar un mural xigante, conmemorativo do Día Internacional do Libro. O obradoiro desenvolverase nas aulas de xogo de Fontiñas, A Trisca, Conxo, O Castiñeiriño, Santa Marta e Vite.

Obradoiros
Dentro da programación para celebrar o Día Internacional do Libro tamén están previstos varios obradoiros. Un deles estará vinculado aos clubs de lectura de Fontiñas, Santa Marta, Conxo e O Ensanche, e consistirá na decoración de bolsas con motivos literarios, que poidan ser usadas para o transporte dos libros.

Tamén está previsto un obradoiro para a elaboración de marcapáxinas coa técnica do scraapbooking, no Centro Sociocultural de Vite, o próximo xoves. O mesmo día, no centro de Santa Marta desenvolverase o obradoiro Traballamos coas mans o noso conto, no que os participantes farán un conto comunitario, achegando cada quen personaxes, ilustracións ou diferentes ideas.

Foto de portada e outras actividades
A programación complétase coa actividade Foto de portada, que copia a iniciativa xurdida na Biblioteca de Nova York en 2014 e que consiste en fotografar portadas de libros que teñan un rostro, para encaixalos coas imaxes das persoas participantes. Así, ao longo de toda a semana faranse fotografías dos usuarios dos centros socioculturais, para despois difundilas a través das redes sociais.

Ademais, no CSC de Santa Marta haberá unha actividade divulgativa sobre os contos populares croatas, e nos centros de Fontiñas, Vite e Santa Marta están previstas todas as tardes da semana diferentes sesións para que os asistentes se mergullen nos libros a través dos seus personaxes ou das texturas e formas coas que están feitos os contos. O calendario de actividades péchase cun encontro co autor Héctor Cajaraville, no Centro Sociocultural de Vite na tarde do próximo día 26.

Actividades no rural
Por último, a Semana do Libro na rede chegará tamén aos locais socioculturais do rural, con actividades dende o 23 de abril data o 17 de maio. Entre outras propostas, haberá un mural literario, obradoiros sobre a arte de contar historias ou saídas ás bibliotecas pensadas para os máis pequenos.

Compartir: