ESPAZOS CIDADÁNS

Jorge Duarte visita Montero Ríos para explicar as claves da humanización da rúa

12/04/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade visitou este mércores a rúa de Montero Ríos, para comprobar o estado das obras que se entregarán definitivamente o 25 de abril. Jorge Duarte explicou as claves do proxecto de humanización, "que responde á filosofía de recuperar espazos para a cidadanía e avanzar no calmado de tráfico".

O concelleiro explicou que a humanización de Montero Ríos ten dous elementos novidosos: a praza peonil elevada e a configuración da zona de carga e descarga. En canto a praza, Jorge Duarte explicou que o seu deseño "está pensado para zonas especiais da cidade, como o cruce entre dúas rúas de marcado carácter comercial como son Montero Ríos e Xeneral Pardiñas".

No que ten que ver coa zona de carga e descarga, o edil explicou que se aposta porque "estean situadas ao mesmo nivel da beirarrúa, de xeito que fóra das seis horas de utilización para carga e descarga, o espazo sexa para os peóns". O concelleiro insistiu en que "é unha prioridade que as persoas ocupen o espazo público por riba dos vehículos" e, por iso, apostouse por utilizar este modelo en futuras obras de reurbanización, "como se vai facer xa na avenida de Vilagarcía".

Sinais e paso de autobuses
Jorge Duarte tamén se referiu á localización dos novos sinais de tráfico da rúa, para explicar "que non están colocados ao revés como se está publicando nos últimos días". O concelleiro sinalou que os vehículos circulan por este cruce só en dous sentidos "e nos dous sentidos da marcha hai sinais horizontais advertindo da zona peonil e tamén sinais verticais, que indican tanto a preferencia peonil como o límite de velocidade". Os sinais que están contramarcha, engadiu, "están pensados para os peóns, que acceden na praza elevada nas catro direccións e que tamén teñen que ter indicado que están entrando nunha zona de preferencia peonil".

En canto ao paso dos autobuses, Jorge Duarte asegurou que "as distancias están ben calculadas para que o transporte público poida facer o xiro sen invadir a beirarrúa, tendo en conta que na praza elevada todo o espazo é de preferencia peonil". O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade apuntou que "os condutores tamén teñen que adaptarse nestes primeiros días á nova configuración da rúa e ás novas velocidades permitidas".

Comerciantes e taxistas, satisfeitos
Jorge Duarte explicou que "está habendo un retorno positivo tanto da veciñanza como dos comerciantes da zona de Montero Ríos, cando están a piques de rematar as obras". De feito, asegurou que son moitos os comerciantes "que solicitan que a rúa pase a ser peonil, pero estas grandes medidas só se poderán estudar despois de termos aprobado o plan de mobilidade". O concelleiro tamén se referiu á satisfacción do colectivo dos taxistas co cambio da localización da súa parada, que pasa da beirarrúa esquerda á dereita.

O concelleiro sinalou que "a solución adoptada na rúa Montero Ríos é moi novidosa, e por iso precisa un período de adaptación tanto de condutores como de peóns". Jorge Duarte explicou que a obra entregarse o 25 de abril, despois de que estea rematada a zona dos contedores soterrados e se coloquen elementos de mobiliario como bancos e aparcabicicletas.

Compartir: