ALCALDÍA E MOBILIDADE

Aprobada a memoria da municipalización da ORA e do guindastre para a súa votación no Pleno

10/04/2017 A Comisión técnica para a municipalización da ORA e do guindastre acordou este luns avanzar na tramitación do proceso, e levar a memoria elaborada nos últimos meses ao Pleno para que sexa o conxunto da Corporación a que decida sobre a prestación directa do servizo a través da empresa pública municipal TUSSA.

A memoria chegará a Pleno con dous novos informes, da asesoría xurídica e dos servizos económicos, e facendo parte da proposta do Goberno municipal para remunicipalizar estes servizos. A intención do goberno é que esta proposta sexa debatida no Pleno ordinario do mes de abril, que se celebrará o día 27. No caso de que os informes non cheguen a tempo para esta sesión, convocarase un Pleno extraordinario no menor espazo de tempo posible.

O alcalde sinalou que "o traballo técnico está feito, e agora só queda unha decisión política que se ten que adoptar no órgano correspondente, que é o Pleno da Corporación". Martiño Noriega explicou que no marco da comisión "abriuse o debate sobre se este órgano tiña que posicionarse ao respecto da memoria ou non, posto que a normativa que rexe destas comisións non está actualizada dende 1955". Aínda que a posición maioritaria era que non era precisa esa votación, "finalmente produciuse, e a memoria irá ao Pleno cos tres votos favorables de Compostela Aberta, a oposición de PP e PSOE e a abstención do BNG". Ademais, ata o próximo luns día 17 abriuse un prazo para que os distintos grupos da Corporación poidan emitir votos particulares, sexan de carácter político ou técnico.

Prazos
Despois da última comisión técnica celebrada esta mañá, a memoria para a municipalización da ORA e do guindastre irá ao Pleno da Corporación para a súa aprobación inicial. A partir de aí, abriríase un período de exposición pública dun mes, antes da súa aprobación definitiva.

O alcalde insistiu en que "non estamos ante un debate pacífico, porque están en xogo moitos intereses". Neste sentido, lembrou que "o Goberno central ten recorrida a decisión do concello de Valladolid de municipalizar a auga, e pretende incluír nos Orzamentos Xerais do Estado, que están pendentes de aprobación, unha disposición adicional co obxectivo de impedir os procesos de municipalización".

Condicións do servizo
O alcalde tamén foi preguntado polas informacións que apuntan a que as tarifas da ORA subirían despois da municipalización. Ao respecto, Martiño Noriega explicou que "o Goberno apostou por incluír na memoria do proceso os horizontes máis pesimistas dos que debuxaban as auditorías técnicas, por un principio de precaución". Iso, engadiu, "non significa que ese sexa o escenario final, e ademais non se están a ter en conta cuestións como que a municipalización permitirá implantar bonificacións para os residentes".

Ademais, apuntou o alcalde, estase falando de máis vehículos retirados polo guindastre, "cando nos pregos cos que se sacou a concurso o servizo fixábase unha media anual de 13.000 vehículos e na memoria para a municipalización fíxose unha media dos últimos catro exercicios da que resultan algo máis de 8.000 vehículos retirados". Por iso, Martiño Noriega lamentou que se "cuestione cada detalle, ata evidencias como a rendibilidade dun servizo, cando se quere municipalizar, pero non se formulen dúbidas sobre as condicións que se lle poñen ás empresas cando o proceso é de externalización".

Compartir: