BENESTAR ANIMAL

O Refuxio de Animais pecha 2016 cun balance positivo, tanto no económico como no número de adopcións

29/03/2017 A concelleira de Benestar Animal deu conta hoxe dos asuntos abordados na última reunión do Padroado da Fundación de Refuxio de Animais de Bando. Noa Morales explicou que na xuntanza se presentaron os balances de 2016, "un ano moi positivo tanto no relativo aos resultados económicos como no que ten que ver coa adopción de animais".

A concelleira de Benestar Animal explicou que en 2016 chegaron ao Refuxio de Bando 665 animais, fronte aos 604 do ano anterior. Foron, en concreto, 442 cans, 211 gatos, e 12 animais doutras especies. En canto ás saídas de animais das instalacións de Bando, producíronse un total de 766. Noa Morales salientou que é "a primeira vez en anos nos que se produce este resultado". Das saídas, 468 foron acollidas ou adopcións.

Ademais destacou o incremento no número de adopcións internacionais, "grazas sobre todo ao labor dunha voluntaria que está a traballar nesta liña e que conseguiu que desde mediados de 2016 se rexistren unha media de entre 10 e 15 adopcións desde outros países". Noa Morales tamén apuntou que botou a andar unha nova colaboración cunha educadora de animais "que ten como obxectivo traballar con aqueles máis problemáticos, para favorecer que sexan adoptados".

Balance económico
No que ten que ver cos resultados económicos, a edil explicou que "2016 se pechou en positivo, algo que non acontecía nos últimos anos e que supón unha tranquilidade porque o criterio de Intervención é que existe a obriga de disolver as fundacións que pechan varios exercicios con perdas". O resultado total do exercicio foi positivo en 22.163 euros, fronte ao resultado negativo en 15.280 euros de 2015.

Novas taxas
Na última reunión do Padroado da Fundación Refuxio de Animais tamén se aprobaron as novas taxas para adopcións, "coa novidade de que se elimina a diferenza que había ata agora entre animais machos e femias, e que facía que sempre se adoptaran menos femias". Os novos prezos públicos serán de 98 euros para cans e cadelas, e de 50 para gatos e gatas. Tamén se acordou incorporar unha bonificación do 50 por cento para os animais que precisen un tratamento especial fora do Refuxio, por exemplo porque estean enfermos. Este desconto irá sempre unido a criterio veterinario.

A concelleira de Benestar Animal reivindicou que "non hai outro servizo público en Galicia como o Refuxio de Animais de Bando, aberto a persoal voluntario e asociacións". Noa Morales sinalou que "garantir unha situación de benestar animal implica que é un servizo máis caro que os que dan as empresas privadas, porque camiñar cara o sacrifico cero ten uns custos".

Compartir: