XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto modificado da Fase II das obras de mellora do barrio de Vista Alegre

24/03/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, o proxecto modificado de mellora da mobilidade e accesibilidade no barrio de Vista Alegre, Fase II.

Este trámite viuse demorado pola problemática xurdida na zona da rúa de San Xoán, onde non constaba autorización dos propietarios para demoler as terrazas dos seus edificios.

A modificación do proxecto da Fase II de Vista Alegre deriva da afección ás redes de infraestruturas polo rebaixe da rasante previsto na Fase III das obras, que non estaba inicialmente contemplado pero que foi incluído no proxecto para responder ás demandas da veciñanza e dos comerciantes da zona.

Ademais, inclúese unha nova solución estrutural para o túnel da rúa Noia, tras comprobarse o mal estado das armaduras da estrutura preexistente de piares e vigas.

Por último, contémplase o mantemento das terrazas perimetrais das edificacións da zona de San Xoán, por cuestións estruturais que desaconsellan a súa demolición. Pola contra, serán derruídas as terrazas do túnel, coas necesarias precaucións estruturais e adoptando as medidas necesarias para evitar riscos de filtracións.

Estas modificacións non supoñen unha alteración do prazo de execución das obras, que segue sendo de tres meses. O incremento sobre o orzamento de execución orixinal, IVE engadido, é de 78.503,41 euros.

Direccións relacionadas



Compartir: