MOCIDADE

Aberto o prazo para participar na segunda programación do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga

24/03/2017 A concellaría de Mocidade vén de abrir un novo prazo para que os mozos e mozas de Compostela poidan apuntarse ás actividades organizadas no Centro Xove de Creación cultural da Almáciga.

Despois do éxito da primeira convocatoria de actividades ábrese un novo período de cursos que comezarán o vindeiro 24 de abril e rematarán o 23 de xuño. É moi importante comprobar os horarios das actividades para garantir a asistencia e evitar ocupar prazas que poden ser empregadas por outras persoas con interese no curso.

Para este período convócanse un total de 7 cursos, de temática variada e dirixidos á mocidade de Santiago que teña entre 16 e 35 anos. O prazo remata o día 31 de marzo ás 23:59. Para facilitar o proceso de inscrición é preciso cubrir un formulario en liña na páxina https://centroxove.com

Cómic
O docente Xosé Tomás impartirá este curso que ten como finalidade achegar o mundo da ilustración e a banda deseñada á xente moza. Pártese do nivel inicial abordando as nocións básicas e sacando ao contador de historias que cada persoa leva dentro. Repasaranse técnicas e claves para que as persoas participantes poidan elaborar os seus propios proxectos no futuro. O horario será os luns de 16.00 a 18.00 horas

Escultura para principiantes
O Centro Xove ofrece un curso para aquelas persoas que queiran comezar na arte da escultura. Traballaranse os moldes, materiais elementais e técnicas para fabricar as primeiras pezas. O taller impartirase os luns de 18.00 a 20.00 horas por Adrián Taracido.

Expresión vocal
Está dirixido para aquelas persoas que queiran usar a voz como medio de expresión artística e musical. O profesor Pablo Ferradás é o encargado de impartir este curso no que as persoas participantes recibirán nocións de canto, sempre adaptadas ao nivel de cada un no dominio desta discilpina. Os horarios serán todos os martes de 18.00 a 20.00 horas.

Escola de animación
Rebeca Weladora é a docente encargada de impartir un curso novidoso e único dirixido a amantes da produción de curametraxes realizados grazas á técnica da animación. Como no resto de actividades, partirase de cero e con materiais comúns co obxectivo de conseguir nocións básicas en edición e produción de curtas. Impartirase todos os mércores de 16.00 a 18.00 horas.

Como non escribir unha novela
Ese é o nome que recibe o curso de escritura que impartirá Silvia Barbeito no Centro Xove todos os mércores de 18.00 a 20.00 horas. Na meirande parte dos cursos ofrecidos nesta temática propóñense técnicas clave para mellorar o aspecto técnico. Mais neste caso o que se achegan son os erros habituais que se adoitan cometer ao escribir a primeira novela. Seguirase a liña de Sandra Newman e Howard Mittlemark.

Expresión corporal e teatro
Con esta proposta preténdese comprender o mapa do corpo, así como as posibilidades que ofrece á hora da expresión. Por iso o Centro Xove acollerá todos os venres de 16.00 a 18.00 horas unha proposta impartida por Fabiana Gastaldello e orientada a persoas interesadas no mundo do teatro, sexa cal sexa a súa conexión previa co mesmo. Profundizarase nun apartado moi específico da técnica teatral dun xeito divertido e partindo de cero.

Descubrir a fotografía
Finalmente proponse traballar nas nocións básicas de fotografía co gallo de poder plasmar o que se imaxina e pensa nunha instantánea. Fuco Reyes achegará as claves que todo fotógrafo precisa adquirir, sendo ideal para aquelas persoas que desexen explorar o seu talento tras a cámara. Para este curso precísase dispor dunha cámara réflex. Será todos os venres de 18.00 a 21.00 horas e incorpóranse 4 saídas do Centro Xove.

Equipamento aberto e dinámico
O Centro Xove de Creación Cultural nace coa clara intención de constituírse como un equipamento aberto e dinámico no que convivan dende as expresións artísticas máis diversas e vangardistas propostas polos creadores de Compostela, a cursos, servizo de autoedición, informacións de todo tipo, axenda de actividades de cada mes, intercambios con outras cidades, servizo de apoio para a montaxe, creación e difusión de espectáculos, espazos para expoñer; así como o espazo dedicado á música, co establecemento dos novos Locais Municipais de Música para a Mocidade de Compostela.

Preténdese que estes espazos municipais sirvan tamén de trampolín dos artistas máis novos que por razóns diversas non contan con lugares estables onde desenvolver o proceso creativo.

Trátase pois de crear un soporte estable, con medios accesibles, xerado polo Concello de Santiago a través do servizo municipal de Xuventude, na perspectiva da racionalización dos recursos existentes na cidade, ben sexan os directamente municipais ou presentes no conxunto da cidade, dependentes doutras institucións e do sector privado.

O Centro Xove é un proxecto que vén de lonxe e que foi financiado con fondos europeos FEDER vinculados ao programa Urbana Santiago Norte. Deste xeito, os usos do espazo teñen que estar obrigatoriamente vinculados coa mocidade.

Compartir: