MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

Xan Duro reúnese coa Fundación Ferrocarriles de España para avanzar no proxecto da Vía Verde

23/03/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, reuniuse hoxe en Madrid coa Fundación Ferrocarriles de España, co obxectivo de avanzar no proxecto da Vía Verde.

Na xuntanza participaron o xerente da áreas de Patrimonio Histórico e Turismo Ferroviario da Fundación, Miguel Jiménez, a xefa de área de Turismo Ferroviario e Vías Verdes, Arantza Hernández, e o xefe de Proxectos Técnicos, Maximiliano Cuevas.

Segundo Xan Duro, a reunión resultou moi frutífera e permitiu constatar "a vontade de colaboración por parte da Fundación, moi interesada en recuperar este proxecto para converter nunha Vía Verde a antiga liña do tren entre Santiago e Cerceda". A Fundación comprometeuse a facilitarlle ao Concello de Santiago os orzamentos estimados da ampliación da Vía Verde a Tordoia e Cerceda, e tamén unha estimación dos custos de mantemento por quilómetro.

Implicación da Deputación da Coruña
Nas últimas semanas, os Concellos implicados neste proxecto mantiveron unha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar a reactivación do acondicionamento do itinerario de sendeirismo e cicloturismo nas antigas liñas do ferrocarril, nun tramo de case 37 quilómetros.

A Vía Verde é unha marca rexistrada en 1994 pola Fundación dos Ferrocarriles Españoles para designar itinerarios que discorren sobre antigas infraestruturas ferroviarias. En España existen actualmente máis de 2.500 quilómetros de vías de tren en desuso que foron reconvertidas en sendeiros sostibles para uso peonil.

Compartir: