EDUCACIÓN

Manuel Dios participa en Bragança nun seminario de intercambio de experiencias na educación

23/03/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, participa durante o día de hoxe nunha xornada organizada polo Grupo de Traballo de Educación do Eixo Atlántico, nun seminario de intercambio de experiencias no eido educativo.

O seminario ten lugar no Teatro Principal de Bragança. Deu comezo ás 9.30 coa benvida por parte do alcalde da localidade, Hernâni Dias, e continuou cunha serie de mesas temáticas sobre as escolas en Portugal e Galicia, a forma de construír unha cidadanía activa ou as actividades alén do currículo educativo. Esta última moderouna Manuel Dios e participaron a técnica superior da división de educación do municipio de Maia, a coordinadora do proxecto "Cadeira Parade" e o director da academia de artes de Chaves.

O concelleiro de Educación e Cidadanía é ademais o presidente deste Grupo de Traballo de Educación das cidades e vilas que forman parte do Eixo Atlántico. Aproveitou a presenza de representantes de todas esas localidades para trasladarlle a súa idea de xerar un programa de intercambio entre escolares dos distintos municipios semellante ao que se celebra todos os anos entre as Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Compartir: