ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello segue dando pasos na implantación do proxecto europeo Smarter Together

23/03/2017 Santiago é cidade "seguidora" no programa, e acollerá un encontro de socios no mes de outubro

O Concello de Santiago segue avanzando na implantación do proxecto europeo Smarter Together, e onte celebrouse unha nova reunión interdepartamental para afondar no desenvolvemento da estratexia.

A xuntanza estivo centrada na área específica da implicación cidadá no proxecto. Tamén se avanzou no deseño dun plan de comunicación e dunha campaña divulgativa ao redor do Smarter Together. Nestas tarefas están a participar técnicos de diferentes departamentos municipais.

Tecnoloxías intelixentes para mellorar a calidade de vida
O proxecto Europeo Smarter Together ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes. As áreas de traballo nas que se vai desenvolver a estratexia son: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sostible, e "district heating" e enerxías renovable.

Compostela é socio do Smarter Together como cidade "seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas "cidades faro": Lyon, Munich e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 2020.

Santiago, como cidade seguidora, terá a oportunidade de participar para elaborar unha estratexia para unha cidade intelixente, coa colaboración de axentes internos do propio Concello e de axentes externos (cidadanía, asociacións, empresas).

Como cidade seguidora, os representantes técnicos ou políticos do Concello de Santiago participarán nas reunións de traballo. As próximas celebraranse en Venecia nos días 3 e 4 e maio, e en Sofía, do 7 ao 9 de xuño. Está previsto que se celebre outro workshop en Lyon no mes de xullo, e en Compostela terá lugar en outubro un encontro para reunir aos socios do proxecto e crear unha plataforma de comunicación e intercambio de experiencias.

Compartir: