ALCALDÍA

A veciñanza do rural norte, convidada a un "Encontro AO VIVO" co goberno o próximo sábado

22/03/2017 O alcalde e os concelleiros e concelleiras do goberno participarán nesta xuntanza para render contas e recoller novas demandas e suxestións. O segundo Encontro AO VIVO está dirixido á veciñanza das parroquias de Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Cesar, Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, A Peregrina, Grixoa, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha

O próximo sábado, 25 de marzo, celebrarase o segundo "Encontro AO VIVO" organizado polo goberno local para fomentar a participación cidadá e render contas de xeito directo ante a veciñanza. Desta vez, a xuntanza está dirixida á área Rural Norte do municipio, que abrangue as parroquias de Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Cesar, Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, A Peregrina, Grixoa, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. A cita é ás 11.30 da mañá, no Hotel Castro, en Formarís.

No Encontro AO VIVO farase un repaso polos datos da auditoría cidadá que foi elaborada no primeiro ano e medio de mandato a partir das suxestións tanto das asociacións e colectivos veciñais, como de veciños e veciñas a título individual.

O alcalde, Martiño Noriega, e todas as concelleiras e concelleiros do goberno darán conta das demandas que se teñen atendido, e explicarán os motivos de non ter respondido a algunhas outras. Despois, os asistentes poderán falar para formular novas demandas ou expresaren as súas opinións. Para garantir que todos os asistentes teñan a oportunidade de falar, os Encontros AO VIVO estarán dirixidos por profesionais da mediación, que medirán tempos e favorecerán a diversidade de todas as achegas. Tamén haberá intérprete da lingua de signos e un servizo de conciliación, para facilitar a asistencia de toda a veciñanza.

Nove Encontros AO VIVO ao longo do ano
Os Encontros AO VIVO forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove Encontros AO VIVO, seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agruparanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto da cidade.

As xuntanzas serán sempre en sábado pola mañá, en principio o último ou o penúltimo sábado de cada mes e na medida do posible na rede de centros socioculturais. O primeiro AO VIVO, en febreiro, estivo dirixido á veciñanza da área Urbana Nordés, que abrangue as zonas de San Pedro, Belvís, Fontiñas, Viso, Camiño Francés, Monte dos Postes, San Lázaro e Amio. A próxima xuntanza, en abril, será coa veciñanza da zona Urbana Sureste (Sar, Ponteñedriña, Restollal, Lamas de Abade e Castiñeiriño).

Compartir: