MEDIO AMBIENTE

Xan Duro visita a carpa instalada na Praza Roxa con motivo do Día da Auga

22/03/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitou este mediodía a carpa instalada por Viaqua na Praza Roxa, con motivo do Día Mundial da Auga que se conmemora este 22 de marzo.

Nela pódense coñecer algunhas curiosidades sobre o ciclo integral da auga, e tamén os efectos que poden ter prácticas pouco acaídas como utilizar o váter para tirar compresas ou toalliñas.

A carpa instalada na Praza Roxa completa as actividades programadas nas últimas semanas por mor do Día da Auga. Así, en colaboración co Centro de Interpretación Ambiental, Viaqua organizou charlas sobre o ciclo da auga e algunhas visitas programadas, que aínda non finalizaron.

O próximo venres 24, o CIAC acollerá unha charla sobre "A pegada da auga", a cargo de Yago Lorenzo, de Cetaqua. Será de 17:00 a 18:30, e aínda que a asistencia é de balde é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección electrónica ciac@santiagodecompostela.gal. Por último, no sábado 31 de marzo haberá unha visita á depuradora de Aríns, con saída do Centro de Interpretación Ambiental ás 17:00 horas.

Compartir: