ACCIÓN CULTURAL

Talía Teatro presenta ‘Ubú Rei’ no Teatro Principal

22/03/2017 A compañía de teatro levará o 23, 24 e 25 de marzo ao Teatro Principal de Compostela a súa última montaxe, ‘Ubú Rei’ con Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Marta Lado, Dani Trillo e Rubén Prieto, que levan a escena un dos textos máis representativos do teatro contemporáneo. A montaxe, adaptada e dirixida por Roberto Salgueiro, achega ao espectador unha visión crítica do noso presente a pesar da súa inxenuidade.

Talía Teatro presenta mañá xoves, 23 de marzo, ás 20:30 h no Teatro Principal o seu último espectáculo, ‘Ubú Rei’. Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Marta Lado, Dani Trillo e Rubén Prieto protagonizan esta adaptación dunha das obras máis representativas da historia do teatro contemporáneo. Ademais, haberá de novo funcións o venres 24 e o sábado 25, tamén ás 20.30 h.

A obra foi presentada hoxe na Casa do Concello de Santiago de Compostela pola tenente de alcalde, María Rozas, e os actores Artur Trillo, María Ordoñez e Toño Casais.

A nova proposta de Talía Teatro vén referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Roberto Salgueiro, quen dirixe e adapta o texto de Alfred Jarry nunha versión libre que pretende conservar a distorsión sintáctica do orixinal e o seu carácter inxenuo e profundamente teatral.

Nesta ocasión a acción sitúase no porto de Belfast, onde Ubú O’Reilly terá como aliado a un Bordure transfigurado en Liam O’Connor para destronar ao rei do porto: Dugan O’Sullivan. Maragotas, tabaco de contrabando, os costumes ancestrais de Osetia e un cadro variopinto de situacións paradoxais conforman unha historia cómica que transita veloz sobre o seu propio escenario, constituíndo ao mesmo tempo unha visión crítica do noso presente a pesar da súa inxenuidade. Unha sátira para todos os públicos que reflexiona sobre a violencia, o abuso de poder, a corrupción e a ambición sen límites.

Roberto Salgueiro encárgase do deseño do espazo escénico, o vestiario e a iluminación da obra, Dani Trillo asina a realización da escenografía e o atrezzo e Artur Trillo e Auri Ferreiro ocúpanse da distribución e produción desta proposta, na que participan, así mesmo, Martina Cambeiro (deseño de maquillaxe), Bety Sieira (vestiario) e Rubén Prieto (fotografía e vídeo).

As entradas para asistir á obra poden adquirirse xa no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado de 18 a 21 h), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Teñen un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais)

Compartir: