IGUALDADE

O obradoiro "Explorando a sexualidade dos homes" traballará a igualdade co colectivo masculino

22/03/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada do axente da produtora Pistacatro, José Expósito, presentou o obradoiro "Explorando a sexualidade dos homes". Trátase da segunda actividade deste tipo que organiza a Concellería de Igualdade.

Marta Lois destacou que este obradoiro está "dirixido ao público masculino pero dende unha óptica feminista". A concelleira engadiu que "pretende ser un espazo de reflexión, autocoñecemento e exploración da propia sexualidade e as relacións, e tamén un espazo para compartir entre todos os participantes as experiencias, as inquietudes, as dúbidas, os mitos e os recursos con que cada un pode contribuír ao grupo para poder vivir unha sexualidade satisfactoria e ter relacións baseadas nos bos tratos".

Obxectivos
Preténdese xerar un espazo de confianza para que os participantes se coñezan mellor, comprendan e aprendan a aceptarse e, tamén, a expresar o que cada un vive nas súas relacións e sexualidade.

Identificar aspectos da sexualidade e as relacións para reflexionar sobre posibles mudanzas, compartir recursos e ferramentas, afianzar as estratexias para poder convivir en relación o mellor posible e vivir unha sexualidade pracenteira e, por último, aprender a falar das relacións interpersoais.

Para levar a adiante o obradoiro contarase coa traballadora social e sexóloga Verónica Ramilo e o traballador social e sexólogo Alfredo Saborido. O curso será os días 24 de marzo de 16 a 20 horas, o 25 de 10 a 14 horas e o día 26 de 10 a 14 horas no Matadoiro.

O curso é gratuíto e está orientado aos homes, que poden inscribirse no correo electrónico micromachinhos@gmail.com. A inscrición será por rigorosa orde de chegada ao correo electrónico.

Primeira edición en 2016
Esta é a segunda das actividades que impulsa a Concellaría de Igualdade destinada ao colectivo masculino e que pon de relevancia a importancia do papel que os homes poden xogar para construír un futuro de igualdade entre mulleres e homes. Esta motivación, tal e como sinala o documento elaborado pola ONU en 2008 sobre o papel dos homes e os nenos no logro da igualdade, provén de diversas fontes; por exemplo, das relacións dos homes coas mulleres, da preocupación polo seu propio benestar persoal ou das súas familias ou do seu sentido da xustiza social.

É por isto que a Concellaría de Igualdade abre esta canle de participación confiando en que estas accións contribúan a abrir camiños que nos leven a unha sociedade máis xusta e igualitaria entre mulleres e homes.

Documentos relacionados



Compartir: