EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música acolle unha charla sobre o uso do folclore musical a cargo da doutora Beatriz Busto

21/03/2017 O Salón de Actos da Escola Municipal de Música acolleu na tarde-noite de onte unha charla debate titulada La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981), do mesmo nome que a tese de doutoramento da etnomusicóloga galega Beatriz Busto, que dirixiu o antropólogo Dr. Juan Carlos Gimeno.

Neste traballo percórrese o abundante material atopado en NO-DO entre o ano 1943 e o 1981 que fai referencia explícita ao folclore galego e aos diferentes usos que se lle deron na imaxe NO-DO. O coloquio de onte, dunha hora de duración, celebrouse con dous obxectivos principais.

Por unha banda, o interese persoal e profesional da investigadora Beatriz Busto Miramontes, mestra da Escola Municipal de Música, de compartir con toda a comunidade educativa do centro a súa investigación. Por outro, o convencemento do equipo directivo de que un espazo educativo musical como a Escola, na que se imparte unha materia teórica para adultos chamada Etnomusicoloxía, especialidade na que se inserta esta tese doutoral, debe asumir un compromiso educativo tamén coa cidadanía e con respecto a investigacións relacionadas co obxecto de traballo –a música– e máis cando o principal material a estudo foi o uso do folclore galego na imaxe de NO-DO.

Temática da tese
O obxecto de estudo desta investigación é o material audiovisual NO-DO que fai referencia á tradición musical galega entre os aos 1943 y 1981. A análise deste material é interesante posto que amosa como o franquismo –os seus organismos e institucións– fixeron un uso consciente da tradición musical galega con claros intereses político-propagandísticos. Tanto é así, que a través das imaxes presentadas polo Noticiario Documental deste anos e que fan referencia ao musical en Galicia, poderemos ver proxectado o ideario franquista deses anos a través do uso específico do folclore.

A investigación organiza os 71 materiais cinematográficos de NO-DO que foron analizados na tese atendendo a tres exercicios de poder sobre o folclore do país. Nun primeiro eixo atoparíanse aqueles casos no que o folclore foi usado como ferramenta de lexitimación política, nun segundo no que se analiza como a imaxe NO-DO se apropiou de elementos culturais galegos na construción dun discurso estereotipante de Galicia nun claro obxectivo de desactivación simbólica do diferencial, e nun terceiro no que analiza como ese estereotipo do galego se puxo ao servicio da promoción turística a partir dos anos sesenta, chegando incluso ate os nosos días.

Polo tanto, a tese mostra como a música sirve a fines políticos posto que, neste caso e a través do NO-DO, se fixo un uso consciente do folclore musical galego con intencións claramente políticas; usos que se foron modificando segundo as necesidades do réxime foran unhas ou outras e atendendo as súas etapas constitutiva.

A tese de Beatriz Busto Miramontes mereceu a calificación máxima, Sobresaliente Cum Laude por parte dun tribunal no que se deron cita diversos especialistas específicos entre os que se atopaban nomes como o recoñecido etnomusicólogo galego, o Dr. Luís Costa-Vázquez Mariño ou un dos grandes especialistas de NO-DO en España o Dr. Rafael Rodríguez Tranche, quen asumía a presidencia do tribunal.

Compartir: