POLÍTICAS SOCIAIS

O programa "Muralismo en Compostela" finaliza con tres intervencións artísticas feitas coa técnica do graffiti

14/03/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, achegouse este martes ao CEIP das Fontiñas para ver o resultado final dunha das tres intervencións artísticas que se levaron a cabo na cidade ao abeiro do programa Muralismo en Compostela.

Concha Fernández explicou que "este programa incorpórase dentro das accións de fomento dos hábitos de vida saudable, promoción da saúde e prevención de drogas que leva a cabo a UMAD". Tratan de buscar actividades de grande atractivo para ese sector da poboación que non usa os medios máis estandarizados e protocolizados posibles. A idea é apoiar calquera actividade saudable de ocio que teña interese e repercusión na mocidade.

Con esa idea nace Muralismo en Compostela, que quere darlle pulo a unha actividade como a dos graffiti que precisa de apoio e recoñecemento social. En Compostela contamos cun compoñente humano moi potente neste campo, de tal xeito que se orientaron as actuacións en dúas direccións: exhibicións e obradoiros de graffiti e a creación de grandes murais.

Cursos de técnica de graffiti
Durante os últimos tres anos veñen realizándose actividades puntuais relacionadas coa exhibición de graffiti e invitando a poboación a participar nelas coa finalidade de comprender está expresión cultural. Na mesa liña de traballo desenvolvéronse estes obradoiros coa axuda dos centros educativos e profesorado. O obxectivo pasaba polo recoñecemento deste arte e por amosar como se debe de realizar dentro dos parámetros legais, sen causar prexuízo, legal ou ilegal a terceiros.

Organizáronse dous cursos para graffiteiros e graffiteiras en activo, un no Centro Sociocultural de Vite durante os días 13 e 14 e outro no Centro Sociocultural das Fontiñas os días 15 e 16 de decembro. Impartíronse así dúas master class de iniciación á arte mural na que achegaron ao alumnado as técnicas de composición e tradución do papel ao muro, o tratamento das cores pigmento para a súa aplicación á hora de crear as luces, e un achegamento práctico á utilización do spray.

Esta actividade estaba pensada e dirixida a un público obxectivo relacionado coas artes plásticas, que tivera algún tipo de experiencia, formación ou relación coa arte. Foron un total de 16 horas de formación coa súa parte práctica final, que deu como resultado unha intervención artística no IES Arcebispo Xelmírez II.

A actividade no CSC das Fontiñas enfocouse a un público relacionado coas artes plásticas e artísticas que quería iniciarse na técnica do aerosol. Por iso, o obradoiro estivo a cargo do artista urbano e ilustrador NÖ3L. Este obradoiro tamén tivo a súa parte práctica, con resultado dunha intervención no muro de acceso ao centro.

Grandes murais
A segunda forma de actuación concrétase sobre o feísmo urbano e a necesidade de crear espazos e regulación para creación cultural que axude socialmente ao benestar. Buscáronse espazos que cumprisen estas características e que, cunha intervención artística, se mellorase o seu valor ao mesmo tempo que se sensibilizara á mocidade.

Fíxose unha xuntanza cos veciños e veciñas, propietarios do inmoble, profesorado e os artistas graffiteiros para levar a cabo a actuación. Tratábase de encontrar puntos coincidentes e facer esta intervención dende o punto de vista social e participativo. Os espazos escollidos para a intervención foron: un edificio de tres plantas de carácter privado na Pontepedriña e dúas fachadas en centros públicos (o CEIP de Vite e o CEIP das Fontiñas).

Compartir: