LINGUA

O equipo do IES da Pontepedriña gaña a fase zonal do Club de Debate e estará na final galega do 6 de maio en Santa Marta

10/03/2017 O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este venres a fase de zona do Club de Debate. O equipo do IES da Pontepedriña e o grupo número 1 do IES de Bertamiráns foron os dous gañadores desta xornada e pasan á final galega, que se celebrará o sábado 6 de maio no Centro Sociocultural de Santa Marta, en Santiago.

Nesta fase zonal participaron arredor de 70 estudantes (de terceiro e cuarto de ESO e de primeiro de Bacharelato) e sete profesores/as dos institutos de Ames (tres do IES do Milladoiro e dous do IES de Bertamiráns) e dos IES de Santiago (A Pontepedriña e Compañía de María). A temática sobre a que tiveron que debater os sete equipos foi: "Debemos acoller as persoas refuxiadas".

Ao remate da xornada déronse a coñecer as puntuacións finais. O primeiro premio foi para o equipo do IES da Pontepedriña, composto por Vitor López, César Queijeiro, Xoán Domínguez, Carla Gómez, Sofía Sánchez, Carmen Aguilera e Desiree Mosquera. Este grupo de rapaces e rapazas estivo preparado polas mestras Mariló Langarón e Mari Carmen García. O segundo premio foi para o equipo número 1 do IES de Bertamiráns, formado por Sara Olmo, Arianne Romero, Laura Souto, Marta Vicente, Paula García, Elena Martínez, Blanca Pérez, Eva Santamaría, César Asensi e Roi Candocia. Este equipo estivo dirixido e preparado por Carlos Negro.

O equipo do IES da Pontepedriña recibiu un premio valorado en 500 euros e o grupo número 1 do IES de Bertamiráns outro valorado en 300 euros. Os dous equipos gañadores desta xornada pasan á final galega que se celebrará o sábado 6 de maio no Centro Sociocultural de Santa Marta, en Santiago. A entrega de premios realizouna a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación do Concello de Ames, Isabel Vaquero.

Composición do xurado
O xurado desta fase de zona estivo composto pola xornalista Inés Dopazo; a profesora de ensino secundario Merche Espiño; a lingüista do Diario Oficial de Galicia, María Xosé Quintáns; o técnico de normalización lingüística da Universidade de Santiago, Manuel Bermúdez; e a profesora de ensino secundario Valentina Fomoso. Tal como especifica o regulamento do Club de Debate, para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación ou a lóxica.

Final galega
Os dous primeiros equipos clasificados en cada unha das zonas participarán na final galega, que terá lugar o sábado 6 de maio no CSC de Santa Marta. O premio final que agarda ao equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegárense ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais. En consonancia tamén con este obxectivo, o tema sobre o que debaterán na final é "O futuro da lingua está na mocidade".

Compartir: